A lamprea: buscando respostas para o Parkinson e o Alzheimer

A lamprea (Petromyzon marinus) é unha especie de gran interese non só desde o punto de vista culinario, pois o seu sabor non deixa indiferente a ninguén, senón tamén desde o punto de vista científico, sendo considerada un diamante en bruto para a investigación. O seu interese está xustificado polo seu atípico ciclo de vida  como vertebrado e os seus caracteres primitivos. Existen fósiles de 350 millóns anos con aspectos similares aos das lampreas actuais. Trátase pois dun dos vertebrados máis antigos polo que o seu sistema nervioso é un dos que máis pode axudar a entender o funcionamento do cerebro. Estas características convértena nunha especie moi utilizada como modelo de estudo en diversos laboratorios repartidos por todo o mundo, entre eles España, Portugal, Francia, Italia, Alemaña, Inglaterra, Suecia, Xapón, Canadá, Australia ou Estados Unidos.  

A recente publicación do xenoma completo da lamprea de mar, xunto co seu crecente uso en estudos de desenvolvemento comparado e evolutivos (evo-devo), fai que estes animais sexan un modelo prometedor no campo da biomedicina, podendo proporcionar resultados de interese relacionados con alteracións da coagulación sanguínea, atresia biliar ou lesións medulares. Entre todos os campos científicos que se ocupan desta especie, o relacionado coa evolución do sistema nervioso central (SNC) dos vertebrados é un dos máis interesantes.

O grupo de investigación NEUROLAM (Neurobioloxía de lampreas), situado na Facultade de Bioloxía (Universidade de Vigo), e que forma parte do Centro de Investigación ECIMAT, estuda a organización e desenvolvemento do SNC de lampreas desde a súa fundación no ano 1998  e co-liderou a proposta dun novo paradigma de organización do prosencéfalo destes animais, o modelo prosomérico, modelo amplamente aceptado na actualidade. Un dos retos deste grupo é estudar a adaptación do sistema olfactivo a distintas condicións ambientais e de comportamento, pois este sistema recibe novas neuronas ao longo da vida dos animais. O seu propósito final céntrase en atopar respostas a algúns aspectos relacionados con enfermidades neurodexenerativas, tales como o Parkinson ou o Alzheimer, en humanos.

Para saber máis sobre a evolución da lamprea e as súas implicacións en investigación visite o noso blogue:

https://oceanoecimat.wordpress.com/2015/11/05/la-lamprea-algo-mas-que-un-manjar/