O persoal investigador do CIM volve da campaña BOCATS con datos sen precedentes sobre o fondo do Atlántico Norte

O persoal investigador do CIM volve da campaña BOCATS con datos sen precedentes sobre o fondo do Atlántico Norte

Contan con datos das masas de auga, a súa dinámica e evolución nas últimas decenas de miles de anos

Os seis investigadores e investigadoras do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM, que formaron parte da segunda fase do proxecto BOCATS2, Observación bienal del carbono, acidificación, transporte y sedimentación en el Atlántico Norte, xa están de volta da expedición realizada a bordo do buque Sarmiento de Gamboa na segunda quincena de agosto. Tras dúas semanas a bordo regresaron con datos sen precedentes sobre o fondo do Atlántico Norte.

Satisfeito dos resultados obtidos, o investigador Guillermo Francés, coordinador desta campaña, destacou que o seu traballo supón “a obtención dunha batimetría cunha resolución sen precedentes, en particular no sector occidental da zona de fractura de Charlie-Gibbs, onde a cartografía previa era pouco detallada e con diferenzas notables respecto á que agora dispoñemos”. Na mesma liña, sinalou que se conseguiu a recuperación dun rexistro sísmico e testemuñas sedimentarias das que esperan obter datos científicos novos que poñan ao CIM en condicións de achegar novo coñecemento respecto das masas de auga de fondo, a súa dinámica ao cruzar pasaxes oceánicas profundas, a súa evolución ao longo das últimas decenas de miles de anos e a súa resposta aos cambios climáticos globais acaecidos durante ese período.

O obxectivo dos expertos e expertas do Grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica do CIM, que traballaron xunto con especialistas  do Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona (ICM-CSIC), Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) e da Royal Holloway University of London, era realizar unha análise dos sedimentos da zona de Fractura de Charlie-Gibbs, un tema de grande importancia dado que “o seguimento presente e pasado da circulación e a acidificación oceánicas no Atlántico Norte é esencial para avanzar na detección precisa do impacto atropoxénico e mellorar as proxeccións dos modelos climáticos que sustentan os informes do IPCC (Grupo Intergubernamental de Expertos sobre el Cambio Climático) para a rexión europea”.

Traballo por facer

Sobre o futuro do proxecto, Guillermo Francés admitiu que “a partir de agora queda moito traballo por facer”. De momento, as testemuñas sedimentarias xa están nas instalacións do CACTI, o Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación da UVigo, para levar a cabo as primeiras análises non destrutivas que lles permitirán unha caracterización máis detallada das mesmas, unha correlación entre elas e a detección de intervalos clave. Ademais, “de forma paralela, antes de fin de ano, esperamos contar coas primeiras datacións dos sedimentos, o que nos poñerá en disposición de contextualizar os rexistros obtidos nun marco paleoclimático global”. Outras análises das mostras seguirán un proceso a máis longo prazo porque requiren de técnicas que consomen moito máis tempo e os seus resultados agardan conseguilos ao longo do próximo ano.

Fonte: DUVI