Un descenso de CO2 provocado por un cambio na circulación oceánica levou á Terra a alcanzar na última idade de xeo a súa etapa máis fría

Un equipo internacional de científicos descubriu que un cambio na circulación oceánica permitiu o almacenamento dunha gran cantidade de carbono nas profundidades do Océano Atlántico, o que reduciu o CO2 atmosférico empuxando ao clima da Terra á etapa máis fría e glaciar da última idade de xeo. O equipo, dirixido polo Dr.  Jimin  Yu da Universidade Nacional de Australia e no que participa o Dr.  Gianluca Marino do Centro de Investigación Mariña da  Universidade de Vigo (CIM-UVigo), analizou a composición  xeoquímica de sedimentos mariños e  microfósiles de carbonato extraídos das profundidades do océano.

A circulación oceánica controla o clima global ao absorber, almacenar e redistribuír carbono, osíxeno, calor e auga doce ao longo de grandes escalas espaciais e temporais. Neste estudo, publicado en  Nature  Geoscience, o equipo de investigación mostrou que as augas profundas ricas en carbono do Océano Pacífico introducíronse no Océano Atlántico Sur e estendéronse cara ao norte ata aproximadamente 20° S, a tres ou catro quilómetros de profundidade, durante a última idade de xeo, fai uns 20.000 anos.

Este cambio na circulación das profundidades oceánicas aumentou a súa capacidade para almacenar carbono e provocou unha diminución do CO2 atmosférico a niveis que eran aproximadamente un 50% máis baixos que os actuais. O CO2 é un poderoso gas de efecto invernadoiro, polo que esta diminución empuxou á Terra ao Último Máximo Glacial, o pico da última idade de xeo. O volume de xeo no noso planeta era, nese momento, 50 millóns de quilómetros cúbicos máis grande que o actual, e a temperatura global era 6° C máis fría que na época preindustrial.

Esta imaxe detallada da circulación oceánica e o contido de carbono das profundidades oceánicas durante o Último Máximo Glacial foi investigado durante moito tempo, pois resulta fundamental para descifrar as interaccións entre o océano e a atmosfera durante un período que se utiliza a miúdo para  testar os modelos empregados nas proxeccións climáticas futuras.

Gianluca Marino, investigador distinguido da  Universidade de Vigo e investigador principal do Laboratorio de  Paleoclimatología do CIM-UVigo, utiliza un amplo portafolio de ferramentas  xeoquímicas,  micropaleontolóxicas e  sedimentolóxicas, así como estatísticas  probabilísticas para determinar cuantitativamente o momento, a magnitude e as taxas do cambio climático e o pasado do océano. A súa investigación achega información relevante para as políticas de mitigación e adaptación no contexto do cambio climático antropoxénico.