Alumnado do CPI Cova Terriña de Baiona participa na recollida de mostras do proxecto Iberarenum, unha iniciativa pioneira para afondar no estudo das praias e promover a ciencia cidadá nun contexto de cambio climático
O director do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, Daniel Rey, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, presentaron este proxecto
As praias agochan moito máis que area entre as súas ondas. Co obxectivo de comprender mellor os procesos costeiros e os efectos do cambio climático, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) impulsa Iberarenum, un innovador proxecto de ciencia cidadá que invita a persoas de todas as idades a participar na creación do primeiro banco nacional de area de praia da península ibérica.
Financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades (FECYT), o proxecto presentouse este mércores cunha recollida de mostras realizada por alumnado de 3º da ESO do CPI Cova Terreña de Baiona, dando así o pistoletazo de saída oficial a unha iniciativa colaborativa que permitirá recompilar mostras de area de diferentes puntos da xeografía galega e ibérica.
Acto en Baiona
O acto contou coa participación do director do CIM, Daniel Rey, e do alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, así como da concelleira de Educación, Nuria Leyenda; do concelleiro de Mar, Joaquín López; e da edil de Medio Ambiente de Baiona, Ruth Álvarez. Durante o encontro Daniel Rey explicou que se trata dunha iniciativa “que busca achegar á sociedade ao coñecemento científico e á importancia da sedimentoloxía mariña nun contexto de cambio climático. Queremos achegar a ciencia á sociedade, fomentando a participación cidadá na investigación e espertando vocacións entre a mocidade e imos facelo cun proxecto que busca non só estudar, senón tamén inspirar e crear conciencia”.
O director do CIM animou ao alumnado do CPI Cova Terriña a vivir a experiencia con entusiasmo, xa que “cada mostra que recollades non é só area, é unha pequena historia sobre a nosa costa, sobre como se formaron as nosas praias, sobre os ríos e mares que moldearon o noso territorio. As vosas mans axudarán a dar forma a un coñecemento que contribuirá a entender mellor e protexer a nosa contorna natural”.
Pola súa banda, Vázquez Almuíña amosouse encantado que o CIM escollera Baiona para presentar este proxecto e gabou a implicación do CPI Cova Terriña na iniciativa. O rexedor destacou a importancia desta iniciativa “que camiña da man co compromiso do noso concello co medio ambiente, co mar e coa educación”.
Un evento de presentación no que se puxo de relevo que involucrar á sociedade no proceso científico é unha poderosa ferramenta para dar a coñecer o medio mariño e a importancia de conservalo. Por este motivo, o obxectivo de Iberarenum é que calquera persoa, grupo educativo ou asociación poida contribuír ao proxecto, seguindo as instrucións dispoñibles na web iberarenum.es, onde atoparán unha guía de recollida, unha unidade didáctica para centros educativos e un formulario de participación.
Ciencia cidadá
As praias son ecosistemas en constante cambio debido a factores como o clima ou as características xeolóxicas da súa contorna. Analizar a area axuda a comprender a súa evolución, os impactos do cambio climático e permite mellorar a xestión sostible dos recursos costeiros. «A ciencia non é algo afastado da cidadanía, senón que precisa da colaboración de todas e todos para avanzar. Iberarenum é un claro exemplo de como a participación social pode achegar valor ao coñecemento científico», sinala Daniel Rey.
O proxecto, ademais de contribuír á ciencia mariña, busca dar a coñecer a natureza da ciencia, os seus métodos e a importancia da investigación en sedimentoloxía mariña; fomentar a participación cidadá na xeración de coñecemento científico; así como, espertar vocacións científicas especialmente entre as novas xeracións.
Iberarenum, liderado polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, enmárcase nos programas de alfabetización oceánica do Campus do Mar, e conta coa colaboración e financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades cofinanciado pola Xunta de Galicia.
O proxecto Iberarenum está aliñado coa Década dos Océanos das Nacións Unidas, reforzando o compromiso coa investigación, a conservación dos mares e a divulgación científica. Desde o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo faise un chamamento á participación activa da cidadanía.
Fonte: DUVI