A cartografía participativa nas Cíes, unha ferramenta de ciencia cidadá ao servizo da xestión ambiental nas Cíes

A cartografía participativa nas Cíes, unha ferramenta de ciencia cidadá ao servizo da xestión ambiental nas Cíes. Na foto, Jone Molina

A investigadora do CIM Jone Molina aplicou esta ferramenta ao Parque Nacional das Illas Atlánticas dentro do proxecto Ecoser, financiado polo programa Pleamar da Fundación Biodiversidad

A ciencia cidadá consolidouse como unha ferramenta clave para integrar á sociedade na xeración de coñecemento científico e na conservación ambiental. Neste camiño a cartografía participativa destaca pola súa capacidade de combinar o coñecemento local das comunidades con metodoloxías científicas avanzadas, permitindo unha comprensión máis profunda e colaborativa dos retos ambientais. E aí o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) amosou a súa aposta pola innovación colaborando nun proxecto pioneiro de cartografía participativa no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, centrado no arquipélago das Cíes.

Esta iniciativa, na que participou Jone Molina, técnica superior en investigación do Grupo de Análise de Concas Sedimentarias (XM3), involucrou activamente á cidadanía na recompilación e análise de datos xeográficos co obxectivo de abordar os retos ambientais do parque e mellorar a súa xestión. Ademais de fomentar unha gobernanza máis inclusiva e sostible, este estudo realizado ao abeiro do proxecto Ecoser, financiado polo programa Pleamar da Fundación Biodiversidad, permite á cidadanía ser protagonista na conservación dun ecosistema tan emblemático como as illas Cíes.

A cartografía participativa forma parte dunha serie de iniciativas de ciencia cidadá promovidas polo CIM, entre as que destacan innovadores proxectos como Iberarenum, liderado polo investigador do Grupo de Xeociencias Mariñas e Ambientais e director do CIM Daniel Rey, que promove o estudo das areas costeiras a partir de mostraxes enviadas pola cidadanía. Outro exemplo é Sentinelas da Costa (Coastal Snap), dirixido pola investigadora do grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica Rita González e que analiza a evolución do litoral empregando imaxes compartidas pola sociedade. En todas estas actividades, o CIM pon a disposición do público materiais e guías docentes elaboradas no propio centro, facilitando a participación informada e activa.

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo pon en marcha todas estas iniciativas alineadas cos obxectivos da Década das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible (2021-2030) de Nacións Unidas, así como cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), especialmente aqueles relacionados coa acción polo clima, a vida submariña e os ecosistemas terrestres. A participación activa da cidadanía nestes proxectos non só amplifica o alcande do coñecemento científico, senón que tamén promove unha maior concienciación e responsabilidade colectiva na xestión sostible dos recursos mariños e costeiros.

Con estes esforzos, o CIM-UVigo reforza o seu compromiso coa ciencia colaborativa e interdisciplinar, consolidándose como un refernete na protección e uso sostible dos ecosistemas mariñas tanto en Galicia como no resto do territorio nacional e internacional.

Fonte: Faro de Vigo