O encontro reuníu en Santiago de Compostela a 250 expertos para abordar os retos do sector marítimo
Persoal investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo participaron como poñentes en Santiago de Compostela na quinta asemblea do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia (PCCMMG). O evento reuniu 250 persoas entre investigadores, representantes da administración e axentes dos sectores produtivos e sociais relacionados co mar. Baixo o lema Avances fronte aos desafíos identificados e encontro cos sectores do mar, a xornada serviu para fortalecer as conexións entre o ámbito científico, tecnolóxico e social para levar a cabo unha xestión sostible dos recursos mariños e mellorar a resiliencia dos ecosistemas do litoral galego. Na reunión presentáronse avances nas áreas de observación e monitorización do medio mariño, a acuicultura sostible e a transformación social e económica.
Durante o evento, ademais de presentarse os resultados científicos e tecnolóxicos do programa, estableceuse un diálogo sobre as necesidades e prioridades futuras do sector marítimo entre os participantes no programa e as partes interesadas (stakeholders).
Tres sesións temáticas para abordar os desafíos do mar
A xornada organizouse en tres sesións que xiraron arredor dos principais retos científicos e tecnolóxicos do medio mariño, desde a observación e a monitorización ata a acuicultura sostible e a resiliencia dos ecosistemas costeiros. Entre os poñentes, a Universidade de Vigo estivo representada por Ricardo Beiras, do grupo Ecotox do CIM-UVigo; Higinio González, do grupo AeroLab; Jesús Míguez, do CIM-UVigo; José Luis Soengas, do grupo PhystoFish do CIM-UVigo; Diego Fernández, do grupo EphysLab do CIM-UVigo; Mariana Herrera e Estefanía Paredes, do grupo Ecocost do CIM-UVigo; e Haritz Ayarza, do Future Oceans Lab do CIM-UVigo. Ademais, entre os coordinadores científicos do evento está Daniel Rey, director do CIM-UVigo.
Na primeira sesión abordáronse avances significativos en tecnoloxías de observación e monitorización mariña, incluíndo novas plataformas bioxeoquímicas, sensores avanzados e o uso de intelixencia artificial para a análise ambiental. Tamén se presentaron ferramentas innovadoras, como drons para monitorización de macroalgas, un Laboratorio Virtual Mariño e simuladores de eventos extremos.
O segundo bloque explorou solucións tecnolóxicas e estratexias de innovación para garantir a sostibilidade e a resiliencia do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola. Presentáronse iniciativas como o uso de ferramentas xenómicas para mellorar as producións, a dixitalización das cadeas de valor no sector pesqueiro e sistemas de alerta para monitorizar riscos ambientais. A sesión concluíu cun debate centrado nas prioridades futuras para asegurar a sustentabilidade económica do sector, poñendo de relevo a súa interdependencia coa conservación dos servizos ecosistémicos.
A sesión da tarde céntrase na xestión adaptativa e resiliente do medio mariño, destacando o papel do programa na creación de coñecemento para a toma de decisións informadas. Entre os temas que se abordan está a aplicación do Ocean Health Index como indicador de saúde ambiental, a análise do carbono azul para cuantificar o valor dos ecosistemas costeiros e o impacto do cambio climático na vulnerabilidade das actividades marítimas. Tamén se discuten as oportunidades ofrecidas pola nova lexislación para integrar estas investigacións nas políticas públicas e as novas estratexias para lograr unha transferencia de coñecemento transformadora dirixida a mellorar a capacidade do sistema e poder aproveitar os avances científicos en beneficio conxunto da sociedade.
Colaboración entre entidades de investigación
O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia conta cun orzamento de 10 millóns de euros e está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través do Plan de Transformación Recuperación e Resiliencia con fondos Next Generation EU e o Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. O Programa forma parte do Plan Complementario de Ciencias Mariñas do Estado, no que ademais de Galicia interveñen as comunidades autónomas de Murcia, Andalucía, Comunidade Valenciana, Cantabria, Illas Baleares e Canarias.
A coordinación do programa corresponde ao Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo). Ademais, son socios o Centro de Investigacións Mariñas (Cima), Instituto Galego de Formación Acuícola (Igafa), MeteoGalicia, o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña.
Fonte: DUVI