Segundo conclúe un estudo de catro anos no que participaron a catedrática e o investigador do CIM Elsa Vázquez e Salvador Román e que contou coa colaboración das confrarías de Baiona, Cangas e A Coruña
Investigadores do CIM-UVigo, a catedrática Elsa Vázquez e o investigador Salvador Román, xogaron un papel clave nun estudo internacional centrado na recuperación das poboacións de percebe (Pollicipes pollicipes) ao longo da costa suroeste de Europa. O estudo, que tamén destacou áreas galegas de investigación, contou coa colaboración das confrarías de Baiona, Cangas e A Coruña e realizouse durante un período de catro anos. Liderado por Víctor Gómez e José Luis Acuña, do Observatorio Marino de Asturias da Universidade de Oviedo, a investigación subliña a importancia de deixar percebes adultos nas rochas como núcleos para o recrutamento e a rexeneración. Publicados na revista Reviews in Fish Biology and Fisheries, os resultados ofrecen esperanza para a recuperación das poboacións de percebe en zonas pechadas debido ao esgotamento do recurso, amosando o papel fundamental do coñecemento e dos recursos locais na conservación mariña.
“As larvas dos percebes, que se atopan na columna de auga, fíxanse sobre o pedúnculo dos adultos, o lugar máis favorable para o seu crecemento e supervivencia. Cando non hai adultos nas rochas, as larvas, en menor medida, fíxanse na superficie núa da rocha ou sobre outros organismos, que ofrecen unha contorna menos propicia. Por iso, se se retiran todos os adultos das rochas, dificulta a recuperación das poboacións”, explican os investigadores.
A importancia cuantitativa do proceso
Durante catro anos, o estudo, que seguiu a recuperación de máis de 500 superficies valeiras que quedaban na rocha tras extraer o percebe, revelou que a recuperación é máis lenta do esperado. A metade das superficies non amosaron signos de recolonización despois de tres anos e medio, mentres que o 50% dos que amosaron certa recuperación tardaron máis de dous anos e medio en recolonizar completamente a superficie e o 21,5% máis de seis anos. Ademais, a recuperación dependeu en gran medida da presenza de adultos, xa que máis do 90% dos ocos deixados nas rochas polos e polas percebeiras iniciaban a recuperación en menos de seis meses se se deixaban algúns adultos na súa periferia.
“Estes adultos serven como iniciadores do recrutamento. En contraste, o 40% dos ocos sen adultos nin tan sequera iniciaron a recuperación dentro do período de conservación de catro anos”, sinalan os autores do artigo, que engaden que unha vez comezada a recuperación, a taxa era de 0,5 cm²/mes en ausencia de adultos, pero de ata 2,54 cm²/mes cando os ocos explotados estaban en contacto con moitos adultos.
O estudo confirma que a eliminación de todos os percebes adultos das rochas, así como doutros cirrípedos, mexillóns e algas coralinas, retrasa de xeito crítico a recuperación da súas poboacións, cun impacto negativo na pesquería. “Isto é exactamente o que ocorre cando se explota toda a superficie da rocha para obter semente para a industria acuícola de bateas de mexillón en Galicia. Se a eliminación da semente de mexillón se repite durante anos sucesivos, isto conducirá inevitablemente a un reinicio repetido do proceso de colonización e a unha redución crónica das poboacións de percebes”, detallan os e as autoras o estudo.
Uso de ferramentas máis selectivas e estreitas
A investigación tamén incide no feito de que para que a pesquería do percebe sexa sostible deberían deixarse adultos dispersos sobre as rochas para facilitar a recuperación da poboación, así como na utilización de ferramentas (rapas) máis selectivas e estreitas. “Nesta publicación establécese un ancho de ferramenta de menos de 3,5 cm para minimizar a captura de individuos por debaixo do tamaño comercial. Esta forma selectiva de recolección con rasquetas estreitas foi xa aplicada tradicionalmente con éxito por algunhas confrarías de Galicia”, explican os autores do traballo.
O proxecto PERCEBES (Ferramentas para a xestión espacial dos recursos costeiros: a pesquería de percebe no suroeste de Europa) foi promovido pola UE Eranet Biodiversa en coordinación coas axencias nacionais de financiamento científica española, francesa e portuguesa. Foi coordinado pola Universidad de Oviedo (España), coa participación das universidades da Sorbona (Francia), Vigo (España), Aveiro e Évora (Portugal) e a escola de enxeñaría ENSTA Bretagne (Francia).
A actividade investigadora do CIM conta cofinaciamento da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través dos Fondos Europeos (FEDER).
Fonte: DUVI