A Universidade de Vigo acadou este ano máis de 5 millóns de euros da convocatoria de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e outras entidades do sistema galego de I+D+i realizada pola Xunta de Galicia. Convocadas a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, estas axudas divídense en tres modalidades: grupos de referencia competitiva, grupos con potencial crecemento e persoal investigador con traxectoria excelente. Dependendo das publicacións, patentes, teses dirixidas e proxectos acadados nos últimos tres anos, así como do prestixio acumulado, os diferentes grupos e o persoal investigador optaron a diferentes apoios económicos establecidos entre os 90.000 e 400.000 euros.
A maioría dos grupos financiados da UVigo están vinculados aos seus centros e institutos de investigación, o que, a xuízo da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, “amosa a fortaleza e excelencia dos mesmos”. Así, o grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética do profesor Armando Caballero, adscrito ao Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, resultou beneficiado con 280.000 euros na modalidade de Grupos de Referencia Competitiva.
Unha excelencia que se reflicte tamén nas axudas para o persoal con traxectoria excelente, un financiamento que acadaron as investigadoras do CIM Estefanía Paredes e Marta Costas.
A actividade investigadora do CIM conta cofinaciamento da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través dos Fondos Europeos (FEDER).
Fonte: DUVI