Persoal investigador do CIM forma a estudantes de Ciencias do Mar para representar á UVigo nun encontro internacional sobre oceanografía

Persoal investigador do CIM forma a estudantes de Ciencias do Mar para representar á UVigo nun encontro internacional sobre oceanografía

É un evento da Conferencia da Década dos Océanos de Barcelona. Compartirán a súa perspectiva como futuros expertos xunto con outros alumnos de universidades de España, Portugal e Polonia

Persoal investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) está a formar a estudantes da Facultade de Ciencias do Mar para que representen á institución nun encontro de alumnos e alumnas destacadas das principais universidades que ofrecen estudos de grao en Ciencias do Mar en España. Este evento forma parte dos organizados con motivo da Conferencia da Década dos Oceános de Barcelona, que reunirá á comunidade científica global para poñer en común e avaliar os progresos e establecer prioridades conxuntas para a xestión do futuro dos nosos océanos.

No evento, programado para o 9 de abril, participarán representantes da Universidade de Vigo, a Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, a Universidad de Cádiz, a Universidad de Barcelona, a Universidad de Alicante e a Universidad Católica de Valencia, Universidad Politécnica de Cataluña, Universidad de Gdansk (Polonia), Universidad del Algarve (Portugal). Baixo o lema «Desafíos da Década do Océano – A perspectiva da próxima xeración de expertos en oceanografía», as persoas seleccionadas discutirán diversos temas relacionados cos dez retos identificados para a Década dos Océanos.

O investigador do CIM e decano da Facultade de Ciencias do Mar, Miguel Ángel Nombela, sinalou ao respecto que “é fundamental involucrar á próxima xeración de expertos na protección dos nosos océanos e esta iniciativa proporcionará unha plataforma para intercambiar ideas e solucións innovadoras».

As estudantes seleccionadas están recibindo formación específica e preparando os temas a debater coa colaboración das profesoras e investigadoras do CIM, Irene Alejo e Ángela Fontán. O obxectivo final será promover a conciencia sobre a Década dos Océanos entre as futuras xeracións de expertos mariños, fomentar a interacción entre alumnos e alumnas de diferentes universidades e facilitar un diálogo ao redor dos temas seleccionados dentro dos retos identificados.

Representación da UVigo

Por parte da UVigo, acudirán Sara Martín Alís e Rita Lorenzo Pérez, que contarón tamén coa colaboración do estudante do mestrado en Oceanografía Jakob Ernst, que non poderá asisitir presencialmente ao evento. Sara Martín afirmou que esta iniciativa “paréceme unha primeira toma de contacto co mundo ‘exterior’ que che espera ao terminar o grao. Cando estudas a carreira, estás nunha contorna académica e ás veces é difícil ver que che espera ao rematar. Este tipo de actividades permítenche ter unha visión máis global de para que cousas te prepara o grao”.

Durante as últimas semanas, as alumnas seleccionadas están a preparar a súa participación mediante reunións periódicas virtuais co persoal investigador do CIM, ademais de formar parte de encontros co resto de participantes no evento. As estudantes da UVigo están documentándose sobre o desafío seis, destinado a incrementar a resiliencia das comunidades antes os riscos costerios. A este respecto, Sara Martín recoñeceu que “o feito de investigar e traballar nun tema que pode ser de utilidade para a sociedade nun futuro e non queda en algo meramente teórico é motivador”.

Igualmente, valora positivamente a súa participación no evento, xa que “ir como alumnos a este evento implica que imos principalmente a aprender e gañar experiencia en actividades que, aínda que son importantes para a nosa formación, non tivemos a oportunidade de desenvolver ata o de agora. O ter que preparar e expoñer un tema, así como participar nun debate con outros estudantes, é un inicio para aprender a comunicar, transmitir ideas e traballar en grupo, o cal é clave no noso futuro profesional, sexa cal sexa”. Ademais, destaca que “non hai que esquecer tampouco que este evento satélite se celebra en vésperas do inicio da Conferencia da Década dos Océanos. Isto fará que Barcelona sexa o epicentro a nivel mundial, polo menos por uns días, do diálogo e planificación para unha mellor xestión dos océanos. É emocionante poder asistir a algo así como estudante de grao, xa sexa como oínte ou como voluntaria na conferencia”.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.