Financiado con máis de 700.000 euros dentro do Plan Nacional de I+D+i. Coordinado desde Vigo, tamén forman parte do consorcio o CSIC e a Universidad Complutense de Madrid
A alimentación é o principal custo do sector da acuicultura, de aí a importancia de intensificar o coñecemento sobre os mecanismos que regulan o apetito, a inxesta de alimentos e o gasto enerxético dos peixes, o que permitirá mellorar a súa eficiencia alimentaria, factor clave para acadar unha produción piscícola moito máis sostible. Desde o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) o grupo de Fisioloxía de Peixes (PhysToFish), liderado polo catedrático José Luis Soengas, leva anos avanzando nestas cuestións, un traballo que agora toma novos folgos coa consecución do proxecto de investigación FishFedEx sobre alimentación e gasto enerxético en peixes teleósteos, financiado con máis de 700.000 euros dentro do Plan nacional de I+D+i, dos que 256.250 euros lle corresponden á UVigo, que coordina o proxecto; 243.750 euros, ao Instituto de Acuicultura Torre de la Sal do CSIC, e 233.750 euros á Universidad Complutense de Madrid, os outros dous membros do consorcio.
“O proxecto promoverá un cambio de concepto na forma en que se consideraron ata a data a alimentación e o gasto enerxético dos peixes ao abordar os factores involucrados na estimulación (palatabilidade e gusto) do consumo de alimento, así como os desafíos relacionados co clima e o medio ambiente”, explica o coordinador. Por outro lado, engade que “a mellora do deseño de estratexias de alimentación tamén fortalecerá a competitividade do sector acuícola español, que é un dos principais obxectivos da contribución de España ás Directrices estratégicas para una acuicultura de la UE más sostenible y competitiva 2021-2030, producindo un incremento no número e a calidade dos postos de traballo asociados a este sector”.
A iniciativa, segundo indica Soengas, tamén estudará “o impacto nocivo da cronodisrupción, servindo así de guía no deseño de políticas de benestar dos peixes”. Por todo iso, os resultados da proposta favorecerán, segundo o seu parecer, ao desenvolvemento dunha acuicultura sostible, responsable, resiliente, innovadora e competitiva, contribuíndo á Axenda 2030 das Nacións Unidas para os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Novas liñas de investigación e novas metodoloxías
En concreto, a iniciativa busca abrir liñas de investigación novas en peixes, como a caracterización dos mecanismos do gusto e a súa sinalización ao cerebro, a modulación da alimentación por produtos da microbiota, a modulación da motilidade e detección intestinal, a relación da serotonina periférica co sistema inmunolóxico, a modulación do gasto de enerxía ou o impacto dos desafíos ambientais na regulación da alimentación. Doutra banda, poderanse desenvolver novas metodoloxías para ser utilizadas en peixes, como o illamento de células gustativas e enteroendocrinas, medicións de preferencia de lugar de alimentación e ansiedade, ou ferramentas non invasivas e de telemetría para monitorizar o benestar. Igualmente, estudaranse as condicións de benestar dos peixes con información sobre nutrientes que melloran a palatabilidade, condicións ambientais (luz, temperatura, contaminantes) que perturban ou favorecen a regulación da alimentación, ou factores periféricos que modulan a preferencia dietética. Por último, desenvolveranse novas ferramentas, como liñas transxénicas para o estudo das vías gustativas centrais e posibles compostos anti-disuasores e para comprender o papel da detección de ácidos graxos e os sistemas circadiano e de recompensa na inxesta de alimento.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI