O CIM capta case un millón de euros de fondos nacionais para seis proxectos de investigación

Susana Cortes, investigadora de predoutoramento do grupo de Ecoloxía Animal do CIM realizando o estudo sobre os factores ambientais que afectan ao desenvolvemento da gaivota patiamera na illa de Sálvora

No marco do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023

Cifras récord na captación de fondos nacionais para a investigación. A convocatoria das axudas Proxectos de Xeración de Coñecemento convocadas no marco do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023 deixa excelentes resultados para o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), que conseguiu financiamento para seis proxectos, rozando case o millón de euros.

O estudo que conta cunha maior cantidade de financiamento (282.500 euros) é o proxecto DEVELIFE, dirixido polos investigadores do grupo de Ecoloxía Animal Alberto Velando e Sin Yeon Kim, e que se insire dentro dos múltiples traballos que a comunidade científica está a pór en marcha para tratar de entender como os cambios ambientais que está a experimentar a sociedade afectan á persistencia das poboacións naturais. “Imos estudar como as condicións de desenvolvemento afectan á flexibilidade e á persistencia de características durante a vida, estudando diferentes poboacións naturais do peixe espiñoso e da gaivota patiamarela, dous vertebrados singulares que poden actuar como sentinelas das respostas a estes cambios ambientais”, explica Velando. Nos catro anos que durará o proxecto estudarán os mecanismos que subxacen á evolución da programación fenotípica durante o desenvolvemento, como cambios na metilación do ADN, na expresión xénica e nos niveis de glucocorticoides e que condicionan a supervivencia e a reprodución na etapa adulta.

A este estudo súmanse outros cinco traballos dirixidos desde o CIM: un proxecto coordinado polo profesor José Luis Soengas, do grupo Fisioloxía de Peixes, PHYStoFISH, financiado con 256.000 euros; un de Juan Galindo, do grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética, con 207.500 €; un de Guillermo Velo, do grupo de Ecoloxía Animal, con 170.000 euros; un de Ricardo Beiras, de Ecoloxía e Zooloxía, con 163.750 €, e outro de Carlos Bendicho, do grupo de Química Analítica Ambiental e Espectroscopia, financiado con 131.000 euros.

Con este financiamento, o CIM captou case o 20% dos fondos para proxectos de investigación da Universidade de Vigo, que acadou 5,5 millóns de euros para a posta en marcha de 40 iniciativas. “Trátase da cifra máis alta acadada pola institución en captación do plan nacional”, explica Belén Rubio,  vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, quen se amosou “moi satisfeita” polos resultados acadados, xa que amosan “un moi bo progreso, tanto no número como na consecución de fondos”, un éxito que, ao se modo de ver, “deriva e susténtanse na creación e apoio a estruturas de maior dimensión como son os centros de investigación”.

Fonte: DUVI