Universidade de Vigo e CIM asinan o Contrato Programa para manter e elevar o nivel de excelencia

Nesta ocasión, ademais de asegurar o financiamento basal achégaselle ao centro unha porcentaxe de retorno dos custes indirectos

A Universidade de Vigo continúa a potenciar o apoio aos seus tres centros de investigación  recoñecidos pola Xunta de Galicia como centros singulares: o Centro de Investigación Mariña, CIM; o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic; e o Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina, CINBIO. Fíxoo nesta ocasión coa sinatura de Contratos Programa que, ademais de asegurar un financiamento basal, achéganlles a estes centros unha porcentaxe de retorno dos custes indirectos, co obxectivo de manter e elevar o seu nivel de excelencia.

A sinatura destes Contratos Programa tivo lugar este luns no despacho do reitor, Manuel Reigosa, e contou coa participación do responsable do CIM, Daniel Rey, xunto ao de atlanTTic, Martín Llamas, e o do CINBIO, Miguel Ángel Correa.

A Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS) está integrada por oito centros de investigación universitaria considerados punteiros: CiQUS, CiMUS, CiTIUS e Igfae, da Universidade de Santiago de Compostela; atlanTTic, CINBIO e CIM, da de Vigo (UVigo); e CiTIC da de A Coruña (UDC).

Fonte: DUVI