Un estudo do CIM demostra por primeira vez que as larvas de mexillón crioxenizadas crecen como as salvaxes

Persoal científico do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo acaba de publicar na prestixiosa revista Scientific Reports da editorial Nature os resultados dunha investigación pioneira que podería contribuír a resolver un dos grandes problemas do sector: conseguir semente suficiente e en calquera época do ano para os 3.300 criadeiros flotantes. Pablo Heres, Jesús Troncoso e Estefanía Paredes demostraron por primeira vez que as larvas de mexillón criopreservadas pódense transferir a cordas e crecer na contorna natural para producir unha segunda xeración. Os e as autoras do estudo, englobado no proxecto Assemble Plus, aseguran que «as larvas crioxenizadas chegan a adultos coas mesmas taxas de crecemento que as salvaxes, e mesmo alcanzan un tamaño comercial medio ao mesmo tempo”.

Mellorar a supervivencia

Factores como a contaminación humana ou ambiental ou anomaías xenómicas ameazan a acuicultura. Segundo Heres, Troncoso e Paredes, o cambio climático pode influír tamén nas poboacións naturais de mexillóns. Partindo destas premisas, os investigadores comezaron a traballar co obxectivo de desenvolver “metodoloxías para garantir a sustentabilidade de sementes competentes que puideran colleitarse”.

O persoal científico implicado explica que para a súa investigación colleron mexillóns maduros na ría de Vigo, depositáronos en tanques alimentados con auga de mar filtrada e induciron a desova dos adultos. Seleccionaron espermatozoides e ovocitos e liberáronos ata que fecundaron.

Despois de examinar diferentes etapas larvarias, velocidades de arrefriado e desconxelación e combinacións de crioprotectores, consideran probada a capacidade do protocolo optimizado para producir sementes de mexillón a partir de larvas criopreservadas «porque sobreviven e desenvólvense normalmente unha vez desconxeladas”.

Segundo o artigo asinado por Heres, Troncoso e Paredes, para unha investigación adicional queda “mellorar o éxito posterior á desconxelación para proporcionar taxas de supervivencia máis altas desde o principio, así como determinar os procesos involucrados nas altas taxas de mortalidade atopadas ao comezo do cultivo”.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Ler a nova completa na Voz de Galicia.