O obxectivo é aliñar a actividade investigadora da Universidade de Vigo coas demandas do sector pesqueiro
O Centro de Investigación Mariña (CIM) e o Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS (Economics and Business Administration for Society), da Universidade de Vigo, xunto con FUNDAMAR presentaron os resultados finais do proxecto PASOS (Plan de Acción para a Promoción da Investigación e Innovación Responsable – RRI – no Ámbito Mariño a través das Entidades de Economía Social).
O evento tivo lugar na mañá deste martes 27 de setembro no Edificio Redeiras no campus da Universidade de Vigo. Trala apertura institucional a cargo de Marta Mª Fernández Tapias, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Javier Touza, presidente de FUNDAMAR e Maribel Doval, Vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo, foi a quenda da presentación do Plan de Acción para a Promoción da Investigación e Innovación Responsable (RRI) no ámbito mariño, por parte da investigadora principal do proxecto PASOS, Mª Mercedes Mareque e pola xerenta e responsable do proxecto PASOS en FUNDAMAR, María Caldeiro.
O obxectivo do Plan de Acción é aliñar a actividade investigadora da Universidade de Vigo ás necesidades dos grandes retos do sector da economía social do mar, identificados no proxecto, utilizando os principios da RRI como principios reitores para abordar os desafíos identificados. Estruturado en tres eixos estratéxicos (social, económico e ambiental), cada un deles propón 3 liñas estratéxicas de actuación e dentro de cada unha delas propóñense actuacións que se deberían seguir, indicando o seu nivel de priorización.
A iniciativa pretende “reducir a fenda que existe entre a comunidade científica e a sociedade, incentivando que as entidades do sector do mar traballen xuntas en todo o proceso de investigación e innovación”.
A xornada concluíu cunha mesa de debate, moderada por ICSEM, con representantes das entidades relacionadas co ámbito mariño, centros de investigación e administracións.
O proxecto PASOS ten por obxectivo contribuír ao fomento da economía social como estratexia para afrontar os retos do sector marítimo, a través da RRI. Está financiado pola Rede EUSUMO e desenvolvido por FUNDAMAR e os centros de investigación da Universidade de Vigo, CIM (Centro de Investigación Mariña) e ECOBAS.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Ler nova completa no DUVI.