O proxecto Clock: Adaptación á redistribución dos stocks pesqueiros chega ao seu fin logo de seis anos de actividade. O grupo de investigación Future Oceans Lab do CIM da UVigo, que dirixe Elena Ojea, afondou con este proxecto no coñecemento científico sobre a adaptación da pesca aos impactos do cambio climático desde unha perspectiva socio-ecolóxica. “O balance é moi positivo, xa que Clock, ademais de que nos permitiu fundar o noso propio grupo de investigación, Future Oceans Lab, tamén fixo posible que desenvolvésemos casos de estudo en profundidade, como a adaptación do sector pesqueiro artesanal en Galicia e en Nayarit (México), ou do sector de túnidos tropicais do País Vasco”, explica Elena Ojea.
O proxecto do Consello Europeo de Investigación (ERC) identificou ao longo destes anos rutas de adaptación, maladaptación (ou malas prácticas) e proporcionou información sólida para a toma de decisións. Os principais resultados de Clock, que hoxe foron dados a coñecer nun evento no que participaron as confrarías galegas e representantes da Xunta de Galicia, amosan que o sector xa percibe os efectos do cambio climático en Galicia, que está a ameazar o funcionamento dos ecosistemas mariños, onde aparecen novas especies ou cambios nos hábitats. “Isto impacta na actividade pesqueira, producindo cambios nas capturas, maiores riscos no mar, maior custo da actividade”, detalla a investigadora de Future Oceans Lab, que tamén destaca que estes impactos chegan aos sistemas sociais en forma de incremento da vulnerabilidade do sector, así como perda no capital social e na tradición.
As investigacións realizadas ao abeiro do proxecto Clock permitiron chegar a outras conclusións como que de maneira xeral, ante os impactos negativos nas capturas, a meirande parte dos pescadores e pescadoras, así como das mariscadoras, seguen “un camiño de adaptación” no que pasan de adaptarse, escollen estratexias de diversificación de recursos e de artes, a transformarse e abandonar o sector conforme os impactos aumentan. Cómpre destacar tamén que a maior parte das persoas dedicadas ao sector pesqueiro senten unha gran responsabilidade para traballar pola conservación do medio mariño e na sostibilidade do recurso e reclaman da administración e das e dos científicos accións que lles permitan continuar co seu traballo.
O proxecto cumpriu cos obxectivos fixados inicialmente. “Propoñemos un novo marco de traballo para o estudo da adaptación da pesca ao cambio climático dende unha perspectiva socio-ecolóxica”, sinala Elena Ojea, que tamén destaca o impacto acadado polo proxecto na toma de decisións, tanto a nivel nacional, como internacional, como a participación no informe do IPC sobre cambio climático e en iniciativas como o Panel de Alto Nivel para a Economía Sostible dos Océanos. “A nivel rexional, achegámonos ao sector pesqueiro e establecemos unha relación de traballo e de confianza. Este é o caso das confrarías galegas e estamos facendo agora o mesmo en México”, explica a investigadora.
Ademais do evento celebrado hoxe coas confrarías e a Xunta no que se presentaron os resultados acadados, estes foron discutidos polos axentes implicados na toma de decisións. O proxecto tamén transferirá os seus resultados a través dunha proba concepto na que se está a traballar que permitirá trasladar os resultados científicos á sociedade.
Fonte: DUVI