Sara Varela, licenciada en bioloxía pola Universidade de Vigo, incorpórase tras case 20 anos de traballo en diferentes países de Europa e América, ao Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, e faino cunha bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). O orzamento desta axuda, de 1,5 millóns de €, permitiralle desenvolver durante cinco anos o proxecto MAPAS Lab, unha nova liña de investigación dentro do Grupo de Ecoloxía Animal do CIM moi ambiciosa e novedosa.
A través do proxecto MAPAS Lab, Varela afondará nos procesos de evolución e extinción nos últimos 540 millóns de anos, estudando como interactúan o clima, a xeografía e a vida, co obxectivo de crear un modelo para predecir no espazo onde aparecen e desaparecen as especies ao longo do tempo. A investigadora recoñece que se trata dun reto “moi ambicioso”, pero as convocatorias Starting Grant «están destinadas a proxectos na fronteira do coñecemento, así que os obxectivos deste tipo de axudas sempre son arriscados, pois tratan de explorar camiños novos”. Con este proxecto a investigadora abrirá unha nova liña de traballo no CIM, que combinará a bioxeografía coa bioloxía evolutiva e a paleontoloxía.
O seu equipo de traballo vai colaborar co Potsdam Climate Institute de Alemaña, así como con diferentes investigadores do Reino Unido, Brasil e Bélxica. A investigadora agarda que no prazo dun ano o seu equipo, que xa traballa no Edificio Olimpia Valencia, se amplíe de cinco membros cos que conta na actualidade a entre sete e dez investigadores.
Ver a nova completa no DUVI.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020.