O proxecto EBB continua a formar á comunidade científica sobre os novos regulamentos de acceso aos recursos xenéticos

Mesa de traballo do workshop sobre procedementos de cultivo do berberecho

O proxecto  European Blue Biobank (EBB), primeiro proxecto da convocatoria “Interreg Atlantic Area”, liderado polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, ten dous obxectivos fundamentais. Por unha banda, coordinar os biobancos que están dentro do European Marine Biological Resource Centre, EMBRC, (infraestrutura europea de investigación dedicada á bioloxía mariña fundamental e aplicada, da cal a  ECIMAT forma parte)  e, por outra, preparar e apoiar ás estacións mariñas de  EMBRC e aos seus usuarios no cumprimento do establecido nos novos regulamentos sobre acceso aos recursos xenéticos. Nesta mesma liña, o proxecto pretende axudar ás administracións nacionais e europeas a que a implantación destas normativas sexa o máis eficiente posible e aumentar a concienciación entre os usuarios finais de recursos xenéticos acerca da necesidade de dar cumprimento a estes regulamentos.

Neste contexto, o equipo de traballo do EBB está a realizar un importante esforzo para informar e sensibilizar á comunidade científica, e máis concretamente a que investiga sobre as propiedades dos recursos biolóxicos. A primeira conferencia sobre o proxecto foi realizada na ECIMAT o día 19 de febreiro por Antonio Villanueva, quen presentou o proxecto a investigadores do CIM-UVigo, do IEO e do CSIC. A videoconferencia está dispoñible de forma permanente no seguinte enlace «ABS: are you talking about my car brakes?«.

Tras esta primeira intervención,  o equipo de traballo da EBB participou en varias xornadas de traballo no marco doutros proxectos de investigación, debido ao elevado interese nas implicacións que teñen para o persoal investigador as novas regulacións sobre o acceso aos recursos xenéticos mariños.  Así, o pasado 10 de xullo, Fiz da Costa, xestor do proxecto EBB (CIM-UVigo) e Belén Sánchez, profesora de dereito público internacional da  Universidade de Vigo e participante no proxecto  EBB, presentaron  no Instituto de Investigación Mariñas (IIM-CSIC) as conferencias “European Blue Biobank” e “Cuestiones xurídicas relativas ao acceso e utilización de recursos xenéticos: Do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica ao Protocolo de  Nagoya e a súa implementación en España” respectivamente. Nestas xornadas, investigadores da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC de Pontevedra, do  IIM-CSIC de Vigo, do CETMAR (Vigo) e doutras institucións e público en xeral, discutiron durante unhas 3 horas sobre as implicacións do protocolo de  Nagoya e as regulacións relacionadas no desenvolvemento de proxectos de investigación.

No día de onte, 23 de setembro, Fiz da Costa foi invitado a xornada de traballo «Procedementos de cultivo do berberecho«, organizada a Universidade de Aveiro (Portugal) no marco do proxecto  COCKLES da iniciativa europea Interreg Atlantic Area. Durante esta xornada, presentou a relatorio “Acceso e utilización de recursos xenéticos mariños: novas regulacións e como aplicalas”.

Esta iniciativa está formada por un equipo multidisciplinar que comprende algunhas das coleccións mariñas máis importantes do mundo, agrupacións industriais de biotecnoloxía mariña, empresas dedicadas á biotecnoloxía mariña e aos departamentos gobernamentais responsables do acceso a recursos xenéticos mariños (“ABS  Competent  National  Authorities” ou  CNAs), os cales teñen por obxectivo promover o uso sustentable dos recursos biolóxicos mariños e facilitar o acceso aos seus datos e produtos  extraíbles.