Biólogos da agrupación OCEANO-ECIMAT desenvolven unha ferramenta para predecir o efecto das ondas de calor e as inundacións sobre os recursos marisqueiros

Vigo lidera un proxecto pioneiro en España para determinar os riscos e os efectos que o cambio climático xa está a ocasionar nos bancos marisqueiros galegos e cuxo obxectivo último é desenvolver un sistema de predición que alerte ás confrarías ante a chegada de ondas de calor e inundacións. O estudo pretende ademais coñecer o efecto destes episodios extremos sobre os recursos, de forma que confrarías e Xunta poderían adoptar solucións adaptadas a cada situación e evitar mortalidades.

O estudo conta con financiamento nacional -177.870 euros ata 2017- e está coordinado pola catedrática de Zooloxía Elsa Vázquez. Tamén colaboran dous expertos da universidade estadounidense de South Carolina, Sally Woodin e David Wethey, e cinco confrarías da provincia -Redondela, Carril, Campelo e Cambados-, ademais de contar co respaldo da Consellería do Mar. Woodin e Wethey son expertos en modelos matemáticos e lideran un proxecto financiado pola NASA para estudar os efectos do quecemento global en zonas de todo o planeta que explotan os seus recursos marisqueiros: «Galicia é unha das poucas zonas con datos históricos e colaboramos con eles desde hai varios anos».

En Galicia o que xa está a ocorrer co cambio climático, e o que predice o IPCC, é un incremento das choivas torrenciais e as ondas de calor. Segundo Vázquez, a ameixa pode aguantar picos de calor e baixadas de salinidade, pero o mantemento destas condicións de forma prolongada produce mortalidades masivas. Unha das hipóteses é que cada unha das especies verase afectada de maneira diferente, xa que viven en zonas distintas do banco. Así, a maior mortalidade por calor afectará á xapónica, xa que se enterra a menor profundidade. As consecuencias tamén varían en función da evolución fisiolóxica, como detectan as propias mariscadoras, quenes saben que cando a ameixa fina está a reproducirse morre enseguida se se produce unha onda de calor.

O modelo de predicción estará baseado en datos de temperatura e salinidade actuais e en modelos matemáticos, ao estilo de Meteogalicia. Para poder elaborar estes modelos, o grupo EcoCost desenvolverá durante os próximos dous anos experimentos cos tres tipos de ameixa de interese comercial -fina, babosa e xapónica- tanto nos areais como nos laboratorios da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat). Trátase de coñecer a mortalidade e os efectos nas funcións vitais que teñen os eventos extremos en cada unha destas especies. Os biólogos estudan por unha parte a mortalidade e o crecemento das ameixas en caixas situadas nos areais, onde se miden con dispositivos CTD a temperatura e a salinidade. As primeiras ameixas foron sementadas en xullo e as mostraxes realizaranse mensualmente e cada vez que se produza unha riada ou unha onda de calor. Os efectos serán estudados ademais no laboratorio, onde se modificará tanto a temperatura da auga como a do aire e a salinidade para simular os eventos extremos que se poden dar en cada época do ano, ao mesmo tempo que se estudará a mortalidade e os efectos subletales como as consecuencias na reprodución, o crecemento ou o nivel de estrés dos individuos. Para iso, os biólogos medirán o consumo de osíxeno, estudiarán as gónadas e as proteínas que se xeran en episodios de estrés, avaliarán as taxas de alimentación e incluso detectarán o movemento das ameixas mentres están enterradas na area, grazas a un sistema de sensores de presión e eléctrodos desenvolvido por Woodin e Wethey, que permite coñecer o nivel de estrés do bivalvo sen sacalo do seu medio. Estes experimentos xa se iniciaron na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), onde o grupo conta con cámaras isotérmicas onde se simulan as mareas, as ondas de calor e as choivas torrenciais que teñen lugar no medio natural.

Cos resultados obtidos coñecerase o umbral de temperatura e salinidade que pode aguantar cada especie nas diferentes etapas da súa evolución. Combinando estes resultados cos modelos matemáticos de predición oceanográfica poderase predicir cunha antelación de 5 ou 7 días a porcentaxe de mortalidade nun determinado banco e mesmo se estes cambios provocarán a longo prazo o desprazamento do banco desde a zona intermareal á submareal, anticipa Vázquez.