O proxecto SANBOCIES foi desenvolto dentro da convocatoria 2014 da Agrupación Estratéxica Oceanografía-ECIMAT, baixo o Convenio establecido coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para o financiamento de Centros de Investigación. O proxecto, no que participaron os grupos de investigación de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica (XM1), Análise de Concas Sedimentarias (XM3) e Oceanografía Física (GOFUVI), todos eles da Universidade de Vigo, tivo por obxecto a caracterización dos corpos sedimentarios emerxidos e somerxidos do Arquipélago das Illas Cíes (Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia) tras o último período de inverno (decembro 2013-febreiro 2014). Este período estivo caracterizado por unha continua sucesión de eventos de tormenta.
Para realizar a cartografía dos bancos de area submareais utilizáronse os dous sonar de varrido lateral de recente adquisición da ECIMAT (Yellowfin e Starfish), dende o «Kraken«, embarcación tamén pertencente a este centro; a súa posta a punto para este tipo de traballos constituíu un valor adicional para este proxecto. A recollida destes datos realizouse durante dúas campañas, unha delas no mes de xuño e a outra en outubro de 2014.
O rexistro co sonar Yellowfin cubriu toda a zona de estudo, mentres que o sonar Starfish empregouse para mostrar o detalle de zonas máis superficiais, xa que a pesar de ter un menor alcance, ofrece unha maior resolución. Os resultados obtidos proporcionaron imaxes acústicas do fondo mariño, e unha vez procesados os datos de ambos os dous modelos de soar, obtivéronse os mosaicos do rexistro acústico do fondo mariño.
Esta información xunto coa de datos batimétricos, na que se segue traballando actualmente, permitirá un maior coñecemento dos corpos de area das illas Cíes e a súa evolución tras os episodios de tormentas.
Yellowfin Starfish
Máis información en: