Desenvolveron un protocolo pioneiro coa especie ‘Aurelia aurita’. Abre novas vías para conservar a biodiversidade e avanzar en investigación biolóxica e acuicultura
Por vez primeira no mundo, un equipo científico do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo conseguiu desenvolver un protocolo eficaz de criopreservación para larvas de medusa, un avance pioneiro que pode transformar as estratexias de conservación da biodiversidade mariña e impulsar novas liñas de investigación en bioloxía e acuicultura. O traballo, publicado na revista Cryobiology, foi realizado por persoal investigador do laboratorio CryoLab do grupo EcoCost do CIM, integrado por Alba Lago, Jesús Troncoso e Estefanía Paredes, quen lidera esta liña de investigación nun laboratorio especializado en criobioloxía mariña que se sitúa entre os poucos do mundo con capacidades para desenvolver este tipo de estudos.
O estudo demostra que é posible conxelar e recuperar con éxito as éfiras (a primeira fase larvaria) da medusa Aurelia aurita mantendo a súa viabilidade e permitindo que continúen o seu desenvolvemento tras o proceso de desconxelación.
Un proceso complexo cunha especie practicamente inexplorada
Ata o de agora, a criopreservación aplicárase con éxito a gametos, embrións, larvas ou xuvenís doutros invertebrados mariños, pero as medusas seguían sendo un grupo practicamente inexplorado debido á complexidade que supón o seu elevado contido en auga. “Esta especie presenta un contido hídrico extremadamente alto, superior ao 96 %, unha característica que fai especialmente difícil a súa criopreservación e que converte este logro nun fito científico. Grazas ao protocolo desenvolvido, baseado nunha combinación específica de crioprotectores e tratamentos posteriores á desconxelación, conseguimos que unha parte significativa das larvas sobrevivan e manteñan a súa integridade celular”, sinalan as e os investigadores do CIM.
No artigo publicado na revista especializada en criobioloxía, o persoal investigador do laboratorio CryoLab do grupo EcoCost do CIM propón ademáis este organismo coma un novo modelo animal para entender como criopreservar células, organismos ou tecidos de gran contido de auga. Esta era a premisa de Estefania Paredes cando solicitou IceMedusa, proxecto financiado pola convocatoria da Deputación de Pontevedra e Universidade de Vigo de 2024, orixe do traballo.
“O coñecemento sobre o impacto dun gran contido en auga nos tecidos durante o enfriamento nos axudará a entender como criopreservar mellor outros organismos de gran interese local coma son mexillons, ameixas ou berberechos nos que xa levamos tempo traballando”, afirma Estefanía Paredes. A investigadora explica que “lograr criopreservar con éxito larvas de medusa é un avance importante para o noso equipo. Trátase dun campo no que aínda existen moi poucos estudos, especialmente no caso dos cnidarios, no que ata agora non había protocolos descritos para larvas de medusa, xa que con este gran contido en auga non se consideraba que fose posible”.
Este resultado reforza o traballo da investigadora predoutoral Alba Lago, demostrando que é posible aplicar técnicas de criobioloxía a organismos moi delicados e con características biolóxicas complexas, neste caso cun gran contido en auga.
Retos superados
Un dos principais retos do estudo foi atopar a forma adecuada de avaliar o efecto dos crioprotectores nas larvas, xa que, aínda que son necesarios para evitar danos durante a conxelación, tamén poden resultar tóxicos. Ademais, foi necesario comprender o impacto da deshidratación durante o proceso de conxelación, xa que o risco de formación de cristais de xeo pode provocar danos graves, o que obrigou a optimizar con precisión as concentracións de crioprotectores, os tempos de equilibrio e as condicións de conxelación e desconxelación. “A maiores, tratábase dun modelo biolóxico novo no ámbito da criobioloxía, o que supuxo un esforzo adicional nun proxecto de curta duración. Con todo, en apenas tres meses obtivéronse resultados moi positivos que permitiron validar o modelo e avanzar no desenvolvemento dun protocolo específico ao longo dun ano”, recoñece a investigadora do CIM.
Pola súa banda, para a investigadora Alba Lago “conseguir estes resultados supón unha gran satisfacción a nivel persoal e de equipo. É unha confirmación de que estamos no camiño correcto e que, mesmo traballando con organismos complexos e pouco explorados, somos capaces de abordar retos ambiciosos con éxito. Máis alá do resultado concreto, este estudo abre novas posibilidades para entender mellor como responden á criopreservación organismos e tecidos con alto contido hídrico, e reforza a idea de que aínda queda moito por explorar na criobioloxía mariña”.
Protección da biodiversidade mariña
Este avance abre novas posibilidades para a conservación ex situ do zooplancto xelatinoso, un grupo de organismos que desempeña un papel importante no funcionamento dos ecosistemas mariños e nas cadeas tróficas oceánicas. A capacidade de conservar estes organismos a longo prazo permitirá dispoñer de bancos biolóxicos que faciliten a investigación e a protección da biodiversidade mariña fronte aos impactos do cambio climático, a contaminación ou outras presións ambientais.
Ademais do seu valor para a conservación, o novo protocolo constitúe unha ferramenta prometedora para mellorar o coñecemento da bioloxía dos cnidarios e desenvolver novos modelos experimentais en criobioloxía, especialmente no estudo de organismos cun contido en auga moi elevado. Estes avances poden ter aplicacións futuras en ámbitos como a acuicultura, a xestión de recursos mariños e o desenvolvemento de novas tecnoloxías de conservación da biodiversidade.
Novas liñas de investigación abertas
A gran concentración de colaxeno, xunto con o gran contido en auga fan deste modelo animal un gran candidato para estudiar conceptos básicos para a criopreservación de tecidos con compoñentes musculares ampliando a aplicación do modelo de A. Aurita á biomediciña. “Xa solicitamos un novo proxecto para continuar avanzando no desenvolvemento de protocolos de criopreservación mellores, grazas a o novo modelo de medusa e esperamos atraer colaboradores internacionais que estean interesados en vir ao CIM a traballar con nós”, avanza a investigadora.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI



