Transferencia

O CIM consolídase como un socio estratéxico para os sectores produtivos vinculados ao mar, grazas a súa capacidade para trasladar coñecemento e innovación desde a investigación cara á sociedade e á economía azul de Galicia e do ámbito internacional. A súa actividade abrangue proxectos multidisciplinares de transferencia, o impulso do emprendemento de base tecnolóxica, a valorización de resultados de investigación e o asesoramento a administracións públicas con competencias na xestión do medio mariño.

O Centro avanzou cara a un portafolio máis selectivo e orientado a macroiniciativas de alto impacto, reforzando a súa capacidade de tracción empresarial e a súa proxección internacional. Este enfoque articúlase a través dun Plan de Transferencia estruturado, que define prioridades estratéxicas e establece mecanismos de seguimento para avaliar o impacto das iniciativas.

Poñemos ao servizo da sociedade todo o noso potencial científico e tecnolóxico, equipos, infraestruturas e todos os nosos recursos de I+D+i que se poden consultar no noso Catálogo de servizos.

Proxectos e contratos de I+D

O CIM transforma o coñecemento científico en solucións e oportunidades para os sectores vinculados ao mar, desde a acuicultura e a pesca ata a biotecnoloxía e as enerxías renovables mariñas. A súa actividade inclúe a execución de contratos de I+D con empresas e organismos públicos, a participación en proxectos colaborativos a nivel nacional e internacional e a xeración de propiedade intelectual, materializada en patentes e tecnoloxías transferibles.

Spin-offs

No ámbito do emprendemento, o CIM impulsa a creación e consolidación de spin-offs e proxectos innovadores, apoiando a súa constitución, captación de investimento e desenvolvemento estratéxico. Estas iniciativas permiten converter os resultados de investigación en produtos, procesos e servizos de alto valor engadido para a economía azul. Grazas a este ecosistema de colaboración, o CIM actúa como unha ponte entre a ciencia e a innovación aplicada, conectando investigadores, empresas, administracións e axentes do sector mariño, e reforzando o seu papel como motor de desenvolvemento tecnolóxico e económico en Galicia e máis alá.

Xornadas de portas abertas para empresas

O CIM reforza a súa colaboración co tecido empresarial e institucional a través das Xornadas de Portas Abertas para empresas e entidades colaboradoras, un encontro destinado a crear novas oportunidades de cooperación entre ciencia e industria. Baixo o lema “Construíndo xuntos a economía azul”, esta iniciativa reuniu representantes de sectores mariño, enerxético, biotecnolóxico e ambiental, favorecendo o diálogo e a creación de alianzas estratéxicas. As visitas á ECIMAT, os espazos de networking e os paseos científicos pola Ría de Vigo ofreceron un contexto único para explorar sinerxías e abordar conxuntamente os retos da economía azul e do desenvolvemento sostible de Galicia.

O CIM recibiu por esta iniciativa o Premio IPFest 2024 á Comunicación da Transferencia de Coñecemento, un recoñecemento a súa excelencia na divulgación de iniciativas que transforman ciencia en solucións para a economía azul.

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)