Servizos

Acceso aos servizos

Os servizos ofertados polo CIM están á disposición de toda a sociedade, tanto para usuarios internos como externos. As persoas interesadas deberán tramitar a súa solicitude a través da plataforma de servizos LIMS. O LIMS é a plataforma web para a petición e seguimento dos servizos ofertados. Para acceder á mesma é necesario dispoñer dun código de usuario e contrasinal, que deberá solicitarse á Responsable de Acceso aos Servizos, Tania Tato.

No caso de precisar acceder á ECIMAT fóra do horario habitual de apertura, será imprescindible cubrir previamente este formulario.

ECIMAT

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) é a principal infraestrutura de investigación mariña do CIM. Trátase dun Centro de Apoio á Investigación que ofrece instalacións de vangarda a pé de mar e unha ampla gama de servizos científico-técnicos.

A ECIMAT é tamén un elemento clave na estratexia de internacionalización do CIM. Participa en numerosas iniciativas internacionais e destaca a súa integración como unha das estacións mariñas que conforman o nodo español da infraestrutura europea EMBRC-ERIC.

Situada na marxe sur da ría de Vigo, a ECIMAT conta con laboratorios e equipamento especializado a pé de mar, plataformas tecnolóxicas para a investigación mariña, subministración de recursos biolóxicos, procesado e análise de mostras de auga, sedimentos e organismos mariños, así como acceso directo aos ecosistemas das rías.

A ECIMAT conta con tres tipos de espazos: zonas cedidas a grupos de investigación da Universidade de Vigo, zonas comúns a tódolos usuarios e zonas de servizo accesibles só ao persoal da estación.

A ECIMAT ofrece soporte avanzado á investigación mariña, garantindo o acceso a recursos e infraestruturas de alto nivel. Como infraestrutura principal de investigación mariña do CIM e da UVigo ten a misión de ofrecer servizos eficaces e garantir a dispoñibilidade dos recursos necesarios.

Para lograr este fin e co obxectivo de reforzar a calidade e a mellora continua dos seus servizos, implantou un sistema de xestión da calidade baseado no estándar internacional ISO 9001, que está certificado por entidades independentes desde o ano 2013.

O mesocosmos do CIM, situado na ECIMAT, é unha infraestrutura de investigación única en España que permite recrear ecosistemas mariños en condicións próximas ás naturais. Conta con grandes tanques e sistemas experimentais ao aire libre situados nunha zona de afloramento, que reproducen condicións peláxicas e bentónicas cun control preciso de temperatura, salinidade e ciclos de marea. Esta combinación permite estudar con detalle a biodiversidade mariña, os procesos ecolóxicos e o impacto do cambio climático e da contaminación, mantendo o rigor dun laboratorio e a proximidade á realidade do mar. Grazas a estas capacidades, o CIM consolidouse como un referente en experimentación mariña e promove a colaboración con investigadores de ámbito nacional e internacional.

Unidade de Calidade Ambiental
Responsable: Tania Tato
taniatato@uvigo.gal
986 815704

Unidade de Cultivos Mariños
Responsable: Damián Costas
dcostas@uvigo.gal
986 815711

Unidade de Oceanografía
Responsable: José González  
josegonzales@uvigo.gal
986 815710

Unidade de Medio Mariño
Responsable: Enrique Poza
epoza@uvigo.gal
986 815710

Investigación responsable
Responsable: Rosa Farto
rfarto@uvigo.gal
986 815710

Batea experimental monitorizada

Situada na Ría de Aldán, a batea do CIM é unha plataforma única que combina acceso directo ao medio mariño coa última tecnoloxía, permitindo estudar procesos ecolóxicos e optimizar cultivos de forma sostible e eficiente. Grazas a sensores avanzados e transmisión de datos en tempo real, investigadores, estudantes e visitantes poden observar o océano desde unha perspectiva directa e dinámica, conectando o rigor científico coa realidade do mar.

B/O CIM UVIGO

O buque oceanográfico CIM UVIGO é a primeira embarcación híbrida enchufable en España, deseñada para mostraxes en augas costeiras e da plataforma continental. Está equipado con instrumentación científica avanzada, sistemas de navegación e ofrece servizos de análise biolóxica, ademais de transmisión de datos oceanográficos en tempo real. Esta combinación de tecnoloxía e sustentabilidade fai que sexa unha plataforma clave para estudar a biodiversidade, o impacto ambiental e o cambio climático.

Pequenas embarcacións

A flota oceanográfica do CIM complétase con embarcacións lixeiras  para ofrecer un acceso versátil e eficaz ao medio mariño. As embarcacións lixeiras, de menos de 8 m, como Inndaga, Kraken e Noctiluca, permiten desprazarse con axilidade a zonas costeiras, marisqueiras e portuarias, facilitando mostraxes, prospeccións e estudos de alta resolución en áreas de difícil acceso.

Glider

A incorporación dun glider oceanográfico con capacidade operativa de ata 400 metros de profundidade supón un salto cualitativo nas capacidades do CIM.

Este equipamento permitirá ampliar e optimizar o uso do buque oceanográfico B/O CIM UVIGO, ao facilitar a realización de misións autónomas de longo alcance e duración que complementan as campañas oceanográficas tradicionais.

O glider proporcionará series temporais de datos físico-químicos e biolóxicos en tempo real, incrementando a eficiencia e o alcance da investigación, reducindo custos operativos e mellorando a sustentabilidade das campañas.

A súa integración reforzará a capacidade do CIM para liderar proxectos de monitorización e observación mariña, consolidando o seu papel como referente en investigación oceanográfica tanto a nivel nacional como internacional.

A súa entrada en servizo está prevista para o ano 2027.

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)