A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) é a principal infraestrutura de investigación mariña do CIM. Trátase dun Centro de Apoio á Investigación que ofrece instalacións de vangarda a pé de mar e unha ampla gama de servizos científico-técnicos.
A ECIMAT é tamén un elemento clave na estratexia de internacionalización do CIM. Participa en numerosas iniciativas internacionais e destaca a súa integración como unha das estacións mariñas que conforman o nodo español da infraestrutura europea EMBRC-ERIC.
Situada na marxe sur da ría de Vigo, a ECIMAT conta con laboratorios e equipamento especializado a pé de mar, plataformas tecnolóxicas para a investigación mariña, subministración de recursos biolóxicos, procesado e análise de mostras de auga, sedimentos e organismos mariños, así como acceso directo aos ecosistemas das rías.
A ECIMAT conta con tres tipos de espazos: zonas cedidas a grupos de investigación da Universidade de Vigo, zonas comúns a tódolos usuarios e zonas de servizo accesibles só ao persoal da estación.
A ECIMAT ofrece soporte avanzado á investigación mariña, garantindo o acceso a recursos e infraestruturas de alto nivel. Como infraestrutura principal de investigación mariña do CIM e da UVigo ten a misión de ofrecer servizos eficaces e garantir a dispoñibilidade dos recursos necesarios.
Para lograr este fin e co obxectivo de reforzar a calidade e a mellora continua dos seus servizos, implantou un sistema de xestión da calidade baseado no estándar internacional ISO 9001, que está certificado por entidades independentes desde o ano 2013.
O mesocosmos do CIM, situado na ECIMAT, é unha infraestrutura de investigación única en España que permite recrear ecosistemas mariños en condicións próximas ás naturais. Conta con grandes tanques e sistemas experimentais ao aire libre situados nunha zona de afloramento, que reproducen condicións peláxicas e bentónicas cun control preciso de temperatura, salinidade e ciclos de marea. Esta combinación permite estudar con detalle a biodiversidade mariña, os procesos ecolóxicos e o impacto do cambio climático e da contaminación, mantendo o rigor dun laboratorio e a proximidade á realidade do mar. Grazas a estas capacidades, o CIM consolidouse como un referente en experimentación mariña e promove a colaboración con investigadores de ámbito nacional e internacional.
Unidade de Calidade Ambiental
Responsable: Tania Tato
taniatato@uvigo.gal
986 815704
Unidade de Cultivos Mariños
Responsable: Damián Costas
dcostas@uvigo.gal
986 815711
Unidade de Oceanografía
Responsable: José González
josegonzales@uvigo.gal
986 815710
Unidade de Medio Mariño
Responsable: Enrique Poza
epoza@uvigo.gal
986 815710
Investigación responsable
Responsable: Rosa Farto
rfarto@uvigo.gal
986 815710
Situada na Ría de Aldán, a batea do CIM é unha plataforma única que combina acceso directo ao medio mariño coa última tecnoloxía, permitindo estudar procesos ecolóxicos e optimizar cultivos de forma sostible e eficiente. Grazas a sensores avanzados e transmisión de datos en tempo real, investigadores, estudantes e visitantes poden observar o océano desde unha perspectiva directa e dinámica, conectando o rigor científico coa realidade do mar.
A flota oceanográfica do CIM combina embarcacións lixeiras e un buque oceanográfico para ofrecer un acceso versátil e eficaz ao medio mariño. As embarcacións lixeiras, de menos de 8 m, como Inndaga, Kraken e Noctiluca, permiten desprazarse con axilidade a zonas costeiras, marisqueiras e portuarias, facilitando mostraxes, prospeccións e estudos de alta resolución en áreas de difícil acceso.
O buque oceanográfico CIM UVIGO é a primeira embarcación híbrida enchufable en España, deseñada para mostraxes en augas costeiras e da plataforma continental. Está equipado con instrumentación científica avanzada, sistemas de navegación e ofrece servizos de análise biolóxica, ademais de transmisión de datos oceanográficos en tempo real. Esta combinación de tecnoloxía e sustentabilidade fai que sexa unha plataforma clave para estudar a biodiversidade, o impacto ambiental e o cambio climático.
Xuntas, estas embarcacións sitúan ao CIM como un referente en investigación mariña, combinando flexibilidade, rigor científico e capacidade para abordar proxectos de monitorización e prospección en toda a costa galega e máis aló.