Nunha iniciativa inserida na Rede Galega de Escolas Azuis a través de actividades centradas nas Illas Atlánticas, nas algas e nas masas de auga
Levar a cultura oceánica á Aula Hospitalaria do Álvaro Cunqueiro é o obxectivo dun innovador proxecto que o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo desenvolve en colaboración co equipo docente desta aula. Esta iniciativa enmárcase no proxecto Nereida, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, co obxectivo de crear a Rede Galega de Escolas Azuis (REAG). No marco deste proxecto coordinado polo CIM, persoal investigador do centro participa tanto no deseño como na execución dun conxunto de actividades educativas adaptadas aos espazos do hospital e que teñen como obxectivo achegar o coñecemento do medio mariño dun xeito accesible, inclusivo e participativo. A primeira delas tivo lugar este venres e centrouse no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
“Levar o océano a un contexto como o hospitalario é unha forma de abrir fiestras ao mundo, espertar a curiosidade e reforzar o vínculo co medio mariño, mesmo en situacións complexas”, destaca Andreu Blanco, investigador do CIM e coordinador da Rede Galega de Escolas Azuis. “A cultura oceánica debe ser accesible para todas as persoas, independentemente do lugar no que se atopen”, engade Blanco dun proxecto que reflicte o compromiso do CIM, que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, coa divulgación científica e coa alfabetización oceánica en contextos diversos, garantindo que o acceso ao coñecemento sexa inclusivo e chega a todos os ámbitos da sociedade.
Unha experiencia inmersiva para descubrir as Illas Atlánticas
A primeira actividade, levada a cabo este venres, estivo centrada no coñecemento do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Foi conducida por persoal do CIM, en colaboración coa empresa 13 grados, combinando metodoloxías innovadoras e experiencias inmersivas. Nese senso, durante a sesión empregáronse ferramentas como rich pictures, que permitiron ás e aos participantes construír colectivamente unha representación visual do ecosistema mariño, incorporando novos elementos a medida que reciben información, o que facilita a comprensión progresiva dos valores naturais do parque e fomenta a reflexión sobre a súa conservación. A actividade completouse cunha experiencia en 3D que permitiu ao alumnado ‘mergullarse’ virtualmente no medio mariño sen saír da aula, descubrindo a biodiversidade e os tesouros naturais deste espazo protexido.
Outras actividades para explorar o océano desde o hospital
Este proxecto estruturase en tres liñas de traballo correspondentes ás tres aulas deste servizo do Hospital Álvaro Cunqueiro. Así, ademais da actividade impulsada nesta xornada, comprende outras dúas propostas educativas. Unha delas desenvolverase no Hospital de Día Nicolás Peña e está centrada nas micro e macroalgas. Organizada polo CIM, esta proposta inclúe a observación de microalgas co microscopio e a creación dun algario para coñecer a diversidade vexetal mariña. A segunda planta de Psiquiatría Infanto-Xuvenil acollerá a proposta centrada en masas de auga e afloramentos, realizada en colaboración co Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación Cetmar) e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC). Esta proposta abrangue unha serie de obradoiros prácticos sobre dinámica oceánica, incluíndo correntes de afloramento e experimentos con masas de auga.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI


