Para articular o seu potencial investigador, o noso Centro organiza a súa actividade científica ao redor de cinco liñas principais de actuación e tres liñas relativas a ferramentas emerxentes de carácter transversal que son de aplicación en calquera das cinco liñas principais.

Acuicultura e explotación sostible dos recursos

A xestión sostible dos recursos mariños é necesaria para asegurar a súa supervivencia e para contribuír a unha alimentación sa e segura. O incremento da proporción de alimentos de orixe mariña, máis sans e menos custosos enerxética e ambientalmente, non pode ser abordado en exclusiva polas pesqueiras, o que esixe o desenvolvemento dunha acuicultura biotecnolóxicamente avanzada. A acuicultura é o sector produtivo alimentario con maior crecemento en todo o mundo. Os avances no coñecemento da bioloxía, xenética, dinámica poboacional e ecoloxía das especies explotables son clave para asegurar a sustentabilidade dos recursos mariños.

Biodiversidade e servicios ecosistémicos

A diversidade biolóxica xoga un papel fundamental na capacidade dos ecosistemas mariños para manter o equilibrio e regular o clima, así como aumentar a resiliencia dos mesmos. O coñecemento da estrutura e dinámica das comunidades de produtores primarios, consumidores e descompoñedores, determinante nos procesos de almacenamento e fluxo de materiais e enerxía, é clave no aproveitamento sostible dos ecosistemas mariños. Un océano saudable proporciona servizos ecosistémicos como a produción de alimentos ou a obtención de bioproductos mariños, entre outros.

Cambio global e contaminación

O actual aumento na temperatura media da Terra é resultado da actividade humana, a través da emisión de gases efecto invernadoiro que alteran a variabilidade climática natural. Os océanos tiveron ata agora un papel regulador no clima a través dunha serie de procesos físicos, químicos e biolóxicos que equilibran as fluctuaciones naturais. As verteduras de contaminantes interferen nestes procesos, alterando o equilibrio natural e afectando á saúde humana. O desenvolvemento de políticas de mitigación e adaptación, científicamente ben fundamentadas, é imprescindible para a supervivencia do planeta.

Enerxías renovables e novos recursos

A produción de enerxía a partir de combustibles fósiles é un dos principais responsables do quecemento global. O desenvolvemento do potencial enerxético dos océanos vai xogar un papel moi importante na súa mitigación coa produción de enerxía limpa. Para iso é necesario que se resolvan os problemas tecnolóxicos e de gobernanza actuais, e se reduzcan os custos de financiamento e produción. De forma similar, a obtención de minerais e metais necesarios para a humanidade está destinada a atender o aumento da demanda causado polas novas tecnoloxías e o crecemento demográfico. O seu desenvolvemento ofrece unha vía pacífica e xusta para resolver as tensións xeopolíticas actuais derivadas do esgotamento dos recursos en terra.

Xestión integrada da zona costeira

O gran valor dos recursos e hábitats na costa, unha das zonas máis produtivas do noso planeta, causaron o intenso desenvolvemento destas zonas. A actividade humana relacionada coa acuicultura, pesca, agricultura, industria, produción de enerxía eólica e undimotriz, transporte marítimo, turismo, etc., someten a costa a unha fortísima presión. O desenvolvemento sostible das rexións costeiras esixe formulacións que concilien os límites dos recursos naturais e os seus ecosistemas, cos intereses da sociedade, e den lugar a implementación de políticas de planificación internacionais apoiadas pola Unión Europea.

Outras liñas de carácter transversal:

Tecnoloxías ómicas aplicadas ao medio mariño

Modelado de sistemas complexos

Modelos biolóxicos mariños