Impacts of climate change on tropical tunas, how can we adapt an international fishery?

O martes 26 de novembro terá lugar na ECIMAT a derradeira sesión da IX edición do ciclo de conferencias “Café con sal”. A palabra será para Iratxe Rubio, estudante de doutoramento do Future Oceans Lab (FOL, CIM-UVigo) e do Centro Vasco para o Cambio Climático, quen nos presentará algúns dos desafíos causados ​​ás pesqueiras internacionais polo cambio climático coa charla “Impacts of climate change on tropical tunas, how can we adapt an international fishery?“.

A tese doutoral de Iratxe aborda os impactos espaciais e as opcións de adaptación ao cambio climático nas pesqueiras internacionais desde unha perspectiva holística, social e ecolóxica. O seu traballo englóbase dentro do proxecto CLOCK (Climate Adaptation to Shifting Stocks), dirixido por Elena Ojea (FOL, CIM-UVigo) en colaboración co Centro Vasco para el Cambio Climático (BC3), e financiado por unha ERC Starting Grant. O proxecto CLOCK ten como obxectivos identificar e comprender os novos desafíos impostos polo cambio climático nos sistemas mariños e desenvolver un marco de adaptación que integre a xestión pesqueira no contexto dos sistemas socioecolóxicos, co fin de garantir a sustentabilidade dos recursos e dos medios de vida a longo prazo.

Fronte aos impactos do cambio climático xa observados na pesca, espérase que a mellora e comprensión da capacidade de adaptación dos sistemas socioecolóxicos (SES) proporcione vías de desenvolvemento resilientes ao clima. Nesta charla, Iratxe presentará como as opinións sobre as necesidades de capacidade de adaptación das diferentes organizacións dun SES pesqueiro internacional están relacionadas coa súa conectividade e organización social. Isto permite explorar en que dominios das accións de adaptación adaptativa é probable que teñan maior influencia e que organizacións poderían facilitalos, o cal é crucial á hora de adaptarse ao cambio climático.

A conferencia terá lugar ás 11.00h no salón de actos da ECIMAT tras un café e será retransmitida en directo en http://tv.uvigo.es/es/directo/1.html, estando posteriormente dispoñible en UVigoTV e na nosa web.