Feira A ciencia que vén ten nome de muller da UCC+I

A expo-feira ‘A ciencia que vén ten nome de muller’ abrirá as súas portas, por segundo ano consecutivo, o vindeiro 21 de abril na praza do Berbés, estendendo as súas actividades ao edificio Redeiras, onde se celebrará unha conferencia, e ao planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro, onde se desenvolverá unha visita guiada. Logo do éxito acadado na primeira edición, na que tomaron parte 400 persoas, o recinto da feira, que se instalará na praza do Berbés coa finalidade de fomentar as vocacións científicas e investigadoras dando a coñecer á sociedade o traballo desenvolvido nas universidades, nomeadamente o das investigadoras da UVigo, acollerá este ano unha ducia de postos, estando tres deles protagonizados por persoal investigador do CIM-UVigo. Concretamente, os grupos de Oceanografía Biolóxica, Bioloxía Ambiental e Ecoloxía Costeira (Ecocost) mostrarán á sociedade o seu traballo de investigación dun xeito ameno e divulgativo nos stands Os segredos do mar profundo, A importancia das algas microscópicas mariñas e Relaciónate!