Cell Damage and Minimization: Modelling to the Rescue!

O martes día 5 de novembro, Dominic Olver, licenciado en bioloxía e filosofía e estudiante de máster da University of Saskatchewan (Canadá), presentará, nunha nova sesión do ciclo de conferencias café con Sal, o relatorio “Cell Damage and Minimization: Modelling to the Rescue!“, no que demostrará a utilidade e o poder de fusionar as matemáticas coa bioloxía para resolver problemas aparentemente imposibles.

Dominic Olver, en colaboración con  Pablo Heres e Estefania Paredes (ECIMAT, CIM-UVigo) e James Benson (University of Saskatchewan), pretende determinar durante a súa estadía na ECIMAT un protocolo optimizado para criopreservar ovos do ourizo común Paracentrotus lividus. Como xa foi presentado en anteriores conferencias, a criobioloxía ofrece inmensos beneficios no ámbito da conservación, da acuicultura e da agricultura. A criopreservación implica a detención total da actividade metabólica mediante a redución da temperatura (xeralmente mantida a -196 ° C) con posibilidade de recuperación. Os organismos criopreservados poden manterse indefinidamente, permitindo o almacenamento de especies e a posibilidade de aumentar o tamaño efectivo de poboacións en perigo de extinción. Esta poderosa ferramenta pode ser tamén empregada para cultivar organismos e mellorar a diversidade xenética dun stock ao longo do tempo. Actualmente, non se coñecen protocolos exitosos para os ovos de ourizo de mar. Coa axuda do servizo de preservación funcional de organismos mariños da ECIMAT e James Benson, Dominic está a construír un modelo de función de custos para atopar o protocolo de crioconservación óptimo.

Durante a súa conferencia, Dominic proporcionará unha introdución á utilidade do modelo desenvolto na ECIMAT, presentando os datos preliminares e demostrando o poder de fusionar as matemáticas e a bioloxía para resolver problemas potencialmente imposibles.

A conferencia terá lugar ás 11.00h no salón de actos da ECIMAT tras un café e será retransmitida en directo en http://tv.uvigo.es/es/directo/1.html, estando posteriormente dispoñible en UVigoTV e na nosa web.