Avaliación de stocks co método LBSPR: aplicación a pesquerías de recursos sedentarios con datos limitados

Etiquetas

O CIM-UVigo organiza o workshop “Avaliación de stocks co método LBSPR: aplicación a pesquerías de recursos sedentarios con datos limitados”, que terá lugar os días 3, 4 e 5 de decembro na ECIMAT. O taller, impartido por Jeremy Prince (Murdoch University, Australia), englóbase na acción de investigación “Estudo da variabilidade espacial do ciclo reprodutivo da navalla na Ría de Vigo e a súa aplicación á xestión pesqueira”, financiada pola Consellería do Mar e está dirixido aos axentes implicados na xestión pesqueira de recursos sedentarios en Galicia (recolectores, asistencias técnicas das confrarías e biólogos de zona da Consellería do Mar) e ao persoal investigador interesado na materia.

O método LBSPR (Length-Based assessment of Spawning Potential Ratio) é un método simple, intuitivo e extremadamente eficiente para realizar avaliacións de stock instantáneas e para desenvolver estratexias de xestión simples en pesquerías de pequena escala pobres en datos. Baseado en principios ecolóxicos clásicos, LBSPR utiliza as relacións existentes entre as características da bioloxía da especie (mortalidade, talla de primeira madurez e os parámetros de crecemento k e Linf) e a estructura de tallas das capturas, co fin de estimar a selectividade de talla, o esforzo pesqueiro relativo e o potencial de desove resultante (Spawning potencial ratio, SPR). Os datos resultantes axudan a coñecer o estado do stock e a súa sostenibilidade, o cal pode ser empregado para revisar as ferramentas de explotación aplicadas na pesquería avaliada.

Na primeira xornada, Prince describirá a teoría que sustenta o enfoque  LBSPR, as ferramentas desenvoltas para apoiar a súa aplicación e algúns casos de estudo. A segunda e terceira xornada será práctica e centrarase na aplicación do método aos casos propios de cada asistente.

Inscripción

Para inscribirse debe enviar un correo co asunto “Curso LBSPR” a atubio@uvigo.es, indicando o seu nome e a súa afiliación (confraría / delegación / Universidade / Centro de Investigación) . A inscripción estará aberta ata o 28 de novembro. As solicitudes serán aceptadas por orde de inscrición, priorizando a asistencia dos axentes implicados na xestión pesqueira en Galicia.