A importancia da colaboración entre a sociedade e os organismos de investigación será o tema central dun encontro organizado no marco do convenio de colaboración no eido mariño entre o CIM, ECOBAS e FUNDAMAR

O vindeiro 27 de maio o CIM e ECOBAS, centros de investigación da Universidade de Vigo, xunto coa Fundación para la Pesca y el Marisqueo (FUNDAMAR) celebrarán o encontro ‘Investigación e innovación responsable no ecosistema de I+D+i de Galicia. Exemplo práctico no ámbito mariño’, que contará coa participación da Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; a Vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo; Belén Rubio, o presidente de FUNDAMAR, Javier Touza; e a directora de CETMAR, Paloma Rueda.

O evento servirá para dar a coñecer o convenio asinado polas tres entidades, co obxectivo de promover a colaboración para a posta en marcha de proxectos e actividades conxuntas baseadas na necesidade de reducir a brecha entre a comunidade científica e todos os axentes sociais, dende a cidadanía ata a administración, pasando polo sector empresarial e industrial, e o tecido da economía social no ámbito mariño. Esta é a premisa sobre a que se asenta a denominada Investigación e Innovación Responsable (RRI polas súas siglas en inglés), concepto sobre o que afondarán Anxo Moreira, técnico de I+D da Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo, e o investigador de ECOBAS, Mario Pansera, experto nesta temática que se ten incorporado recentemente a esa mesma entidade grazas a unha das prestixiosas axudas Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC).

O encontro poderase seguir en directo a partir das 12.30h e en aberto a través de UVigo TV a través do seguinte enlace, utilizando o contrasinal de acceso de estudantado: Pa2GvXmF.

Mais información do encontro aquí.