Con motivo da celebración este vindeiro domingo do Día Mundial dos Océanos o Campus do Mar, en colaboración co Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, convida á cidadanía a celebrar esta data cunha saída divulgativa en barco pola ría de Vigo.
Esta iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia, ten como obxectivo fomentar a alfabetización oceánica, facilitando que a sociedade coñeza de primeira man os valores ambientais, sociais e científicos do medio mariño.
As saídas, que se realizarán a bordo do buque Nautilus de Ocean Secrets, terán unha duración aproximada de hora e media e están previstas tres quendas horarias: de 12.00 a 13.30 horas, de 16.30 a 18.00 horas e de 18.00 a 19.30 horas.
A participación é gratuíta pero require inscrición previa, polo que as prazas se outorgarán por rigorosa orde de inscrición. Cada persoa interesada, tanto adulta como menor, deberá cubrir o formulario dispoñible na web do Campus do Mar. No caso de menores, será imprescindible que acudan acompañados por unha persoa adulta. As persoas seleccionadas recibirán un correo de confirmación co punto de encontro e, desde a organización, prégase puntualidade, xa que o barco partirá á hora indicada.