Pint of Science 2023 Vigo

Os vindeiros 22, 23 e 24 de maio o festival de divulgación científica Pint of Science 2023 convertirá os bares de 58 localidades españolas en improvisados laboratorios que amosarán os avances máis recentes da ciencia do noso país. En Vigo, o festival desenvolverase no bar Cañaveral (Porta do Sol, 6) a partir das 20 horas.

Por parte do CIM-UVigo, participarán no festival a investigadora Paloma Morán e o Director do centro, Daniel Rey, que o mércores 24 de maio ofrecerán dous relatorios centrados no planeta Terra.

O primeiro será impartido por Daniel Rey que explicará que o campo magnético da Terra, ao igual que o campo gravitatorio, é unha das forzas fundamentais do planeta e ambos xogan un importante papel na natureza e ten aplicación na comunicación e a navegación, ademais de ser responsable das auroras boreais. Afondará en como o campo magnético é tamén empregado polos seres humanos para a navegación e orientación tamén é o usado por animais, como aves, tartarugas ou cetáceos durante as súas migracións.

Pechará a xornada a profesora e investigadora do CIM-UVigo Paloma Morán, que falará sobre o salmón, os principais desafíos que enfronta a súa conservación e as medidas que se están poñendo en marcha para protexelo e asegurar a supervivencia desta especie.