No marco das actividades do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo celebrará o vindeiro mércores 11 de febreiro de 2026 a entrega dos premios do Concurso de vídeos Marie Tharp 2025. Trátase dun certame dirixido a mulleres investigadoras predoutorais e postdoutorais do centro que quixesen contar o seu traballo nunha peza audiovisual dun minuto de duración.
O acto iniciarase ás 12.00 horas e durante a xornada levarase a cabo unha mesa redonda «Retos e oportunidades para as mulleres na ciencia mariña», na que participarán investigadoras do CIM en diferentes etapas da súa carreira; a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Yolanda Rodríguez; e que estará moderada pola xornalista do Faro de Vigo, Sandra Penelas. Ademais, proxectaranse os vídeos das investigadoras premiadas este ano.
Agardámosvos!