Integrated environmental assessment of anthropization processes in estuarine ecosystems

O xoves día 14 de decembro ás 11:00 h Marta Román, técnica de investigación do grupo de Oceanografía Biolóxica da Universidade de Vigo, presentou na derradeira conferencia da VII Edición do programa Café con Sal, os resultados máis relevantes da súa tese doutoral coa charla titulada “Integrated environmental assessment of anthropization processes in estuarine ecosystems: Land use changes and matter inputs”.

Nos últimos 300 anos case o 39% da superficie terrestre transformouse en terras agrícolas e asentamentos humanos, o que implica un cambio climático, a perda de biodiversidade e a alteración dos ciclos bioxeoquímicos, entre eles, o ciclo do nitróxeno. Así, a fabricación de fertilizantes sintéticos, a emisión de óxidos de nitróxeno procedentes da combustión dos derivados do petróleo e a xeración de augas residuais de orixe humana incrementaron as concentracións deste nutrinte o cal, exportado a ríos e estuarios provoca a eutrofización, degradación e mesmo desaparición dalgúns ecosistemas costeiros como as praderías mariñas. A eutrofización das praderías mariñas non só limita as súas funcións como provedor de servizos ecosistémicos, senón que pode transformar o seu papel de sumidoiro a fonte de CO2.

Neste contexto xorde o proxecto REIMAGE (Respuesta de los ecosistemas costeros a los aportes alóctonos de materia en el contexto del cambio ambiental global antropogénico) financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade (Plan Nacional I+D+i), no cal Marta Román, dirixida polos investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Gonzalo Méndez (Avaliación Ambiental Estratéxica) e Emilio Fernández (Oceanografía Biolóxica) desenvolveu a súa tese doutoral. Neste proxecto, que conta coa participación do CSIC, os investigadores propoñen o desenvolvemento de avaliacións ambientais integradas, co obxectivo de crear indicadores de antropización de alerta temperá nas concas de drenaxe, relacionados coa eutrofización en contornas de estuarios asociados.

Durante a conferencia, Marta Román expuxo a importancia da conservación das praderías mariñas, centrándose nos resultados máis destacables que atoparon no seu estudo, como as relacións entre as variables de presión antropoxénica nas concas e os valores isotópicos de nitróxeno nas praderías de Zostera noltei, así como algunhas das limitacións atopadas á hora de interpretar os valores isotópicos de nitróxeno como indicadores de eutrofización antropoxénica.

A conferencia tivo lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo ás 11:00h, foi retransmitida en directo en http://tv.uvigo.es/es/directo/1.html e está dispoñible en UVigoTV.

Cartel da conferencia de Marta Román

Videoconference