Varios proxectos do CIM, entre os obxectivos 2023 da Universidade de Vigo

Destacan, entre outros, o proxecto da ETEA, a embarcación híbrida e o plan complementario de Ciencias Mariñas

Por primeira vez na súa historia, a Universidade de Vigo terá en 2023 un orzamento que supera os 200 millóns de euros. Na derradeira sesión do Claustro deste ano, a xerenta, Yolanda Lesmes, presentou as liñas xerais orzamentarias que contarán con 227.915.618 €, unha contía que supón un incremento do 14,7% en relación co exercicio de 2022. Este incremento vén derivado da sinatura do novo plan de financiamento do SUG (PFSUG) e do incremento na captación de fondos por mor das novas convocatorias para a investigación e dos fondos do Mecanismo para la Recuperación y la Resiliencia, MRR.

No que atinxe ás achegas de fondos MRR, Lesmes subliñou que “permitirán contar con preto de 30 millóns de euros (28.675.211) para o desenvolvemento de distintas iniciativas e proxectos de grande interese para a Universidade, como a implantación do proxecto de comunicación cuántica, as instalacións da ETEA, a embarcación híbrida do CIM, a dixitalización da área de xestión académica, a formación de profesorado e a súa recualificación, a adquisición dun espectómetro e o desenvolvemento do proxecto 5G, entre outros.

Os orzamentos récord de preto de 28 millóns de euros para 2023 son os primeiros da Universidade de Vigo elaborados pola Xerencia, unha tarefa que correspondía á Vicerreitoría de Economía ata a entrada en vigor dos novos Estatutos. Sobre o incremento de máis do 14% nas contas, a xerenta, Yolanda Lesmes, recalcou que “o novo PFSUG 2022-2026 favorece a dotación da Universidade de Vigo respecto do anterior período e parte deste financiamento débese, entre outros motivos, ao esforzo da UVigo por cumprir cos indicadores que xogan na determinación do citado financiamento, nomeadamente a introdución da contabilidade analítica e o cumprimento dos orzamentos para a declaración por parte da Xunta de Galicia da condición de centros singulares de investigación”.

Nesta sesión do Claustro, que tras a pandemia regresou a un formato 100% presencial, o reitor presentou o seu informe anual e aprobouse o informe preceptivo sobre a proposta de creación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Tamén se presentou o informe anual da Valedora Universitaria e o informe de seguimento e avaliación anual do Plan Estratéxico da UVigo, entre outros temas.

Orzamento de ingresos

No que se refire á distribución de ingresos por capítulos, o III, correspondente ás taxas, prezos públicos e outros ingresos estímase en 17,1 m€, mentres que o capítulo IV, de transferencias correntes é de 144,5 m€. O V, de ingresos patrimoniais estímase en 210.000€€, mentres que o VI, correspondente ao alleamento de investimentos reais calcúlase en 400.000 €. O capítulo VII, de transferencias de capital estímase en 40,4 m€ e, finalmente, o VIII, de variación de activos financeiros en 25,1 m€.

O capítulo IV, de transferencias correntes, segue a ser o máis importante do total dos ingresos (63%) constituíndo a fonte de ingresos máis importante do orzamento da Universidade de Vigo e o seu volume increméntase e máis dun 3% debido principalmente á maior achega para o financiamento do incremento salarial do persoal funcionario e laboral aprobado nos orzamentos do Estado para o exercicio 2023 (2,5 %), así como o incremento salarial do 1,5 aprobado polo Real decreto lei 18/2022, do 18 de outubro e tamén polo incremento de axudas da Administración Xeral do Estado.

No capítulo VII, de transferencias de capital, agárdase un incremento do 46,06 % respecto do exercicio anterior. A maior parte das previsións de ingresos consignados neste capítulo teñen a súa orixe nas achegas por proxectos en concorrencia nos programas da Administración central do Estado e da Xunta de Galicia, por achegas do Fondo de recuperación, transformación e resiliencia para adquisición de equipamento científico e por contratos con institucións e empresas.

Tamén se rexistra un incremento tan destacado das variacións de activos financeiros, capítulo VIII, debido aos fondos do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia (MRR) que se ingresaron na Tesouraría no exercicio 2022, non incluídos no orzamento inicial, para realizar gastos ao longo do exercicio 2023 e nalgúns casos o exercicio 2024, así como a necesidade de financiar gastos de persoal e subministracións con remanente de Tesouraría, xa que o PFSUG non recolle incrementos relacionados co IPC (12 millóns de euros de 2023, fronte a 5,3 millóns de euros de 2022).

Orzamento de gastos

No que se refire aos gastos, a xerenta explicou que “a maior porcentaxe do crecemento pivota sobre o incremento dos custes de persoal e a inflación producida pola subida de prezos no ámbito dos consumibles”. No que atinxe aos custes de persoal, o capítulo I, continúa a ser a principal partida, representando o 59,22 % do total do orzamento cun importe de 134.968.199 €. Esta cantidade é superior á orzada en 2022, que foi de 122.361.464 €, xa que “ademais de absorber as subidas salariais recoñecidas polo Estado a todos os empregados públicos, estes consolidan as melloras laborais orientadas á estabilización, homoxeneización de réximes xurídicos de aplicación ás condición de traballo de todo o persoal, e a retención do talento”.

O capítulo II, de gasto corrente en bens e servizos, ten unha previsión de 33.570.772 €, experimentando un incremento do 7,03 %, en correspondencia co crecemento do IPC actual e do custo do subministracións de gas, electricidade e combustible, “xa que a pesar das medidas adoptadas para a redución do consumo e a xeración do autoconsumo, a evolución da inflación fai prever un forte incremento de ditos custes”.

O capítulo III, de gasto financeiro, redúcese nun 10,45% ata os 409.450€, mentres que o capítulo IV, de transferencias correntes, presenta unha baixada do -0,11%, que acada un valor de 7.217.724 €. O capítulo VI, de investimentos reais, acada unha contía de 50.614.965 €, cun grande incremento do +40,50 % verbo de 2022, e representa o 22,21 % sobre o total do orzamento de gasto. Esta suba explícase polo grande incremento de fondos alleos para a investigación procedentes do Fondo de recuperación, transformación e resiliencia.

Liñas básicas de actuación

O documento presentado ante o Claustro tamén inclúe as liñas básicas de actuación para o vindeiro exercicio coa vista posta en seguir a construír “unha universidade de futuro adaptada á nova realidade social que atinxa ás máximas cotas de calidade formadora, investigadora e de transferencia”.

No que se refire aos compromisos profesionais co PDI, tratarase de “seguir avanzando na aposta polas persoas, na consolidación e promoción do PDI, tentando, ao mesmo tempo, comezar unha senda de rexuvenecemento do cadro de persoal. Todo iso, dentro do marco restritivo marcado polos límites de masa salarial autorizada”. Por exemplo, seguirase coa aposta pola promoción e estabilización do PDI, volvendo utilizar as ofertas de emprego público para sacar a concurso o máximo de prazas de funcionarios dos corpos docentes que permite a taxa de reposición fixada pola Lei de orzamentos do Estado, para continuar na senda de baleirar as listaxes de PDI acreditado a profesorado titular de universidade e a catedrático/a de universidade. Isto permitirá reducir a listaxe de persoal contratado doutor interino en 12 efectivos e queda baleirada a listaxe de interinidade. Tamén se promoverá a promoción a figuras estables do profesorado axudante doutor e seguirase coa aposta pola retención de talento de máximo nivel e convocaranse novas prazas utilizando a figura de profesorado axudante doutor para avanzar na corrección de desequilibrios no referente ao grao de consolidación das diferentes áreas de coñecemento nos tres campus, así como no rexuvenecemento do cadro do PDI. Co obxectivo de acadar polo menos 100 prazas durante a lexislatura, crearanse 30 prazas que permitan avanzar neste senso. Ademais, na medida que o permita a masa salarial, avanzarase na incorporación dos trienios a todo o persoal investigador mantendo unha senda progresiva cara ao recoñecemento total da antigüidade de todo este persoal.

No concernente á política dirixida ao persoal de administración e servizos (PAS), desenvolveranse procesos selectivos de estabilización e reposición de persoal correspondentes ás ofertas de emprego público 2019, 2020 e 2021, desenvolverase o concurso de traslados convocado no derradeiro trimestre do ano 2022 e negociaranse as bases reguladoras do teletraballo como alicerce das medidas de conciliación familiar e persoal dos profesionais. Ademais, comezarase a análise dos postos de traballo de cara a promover a elaboración da nova RPT máis axeitada ás necesidades e á evolución do servizo público da Universidade de Vigo.

No que atinxe á docencia, o documento recolle que “á espera do avance nas negociacións do novo mapa de titulacións” poranse en marcha os graos en Deseño e en Enxeñaría da Automoción (mención dual), así como dez mestrados e un programa de doutoramento. Noutros eidos, o documento recolle a elaboración dun novo Plan de Internacionalización, o deseño dun plan piloto para a mellora do nivel de inglés do alumnado dos tres campus ou, no que atinxe á I+D, “o fomento de políticas de agrupación en centros e institutos de investigación, o fortalecemento dos servizos de investigación, a consolidación do programa de axudas propio, incentivos e de recursos humanos e o impulso de políticas e actuacións que conecten a investigación que se fai na nosa institución coas necesidades da sociedade e das empresas”. A estratexia de especialización e de agrupamento deseñarase sobre catro piares da investigación na Universidade: os campus de especialización, os centros de apoio á investigación (CAI) e os centros e os institutos de investigación. Ademais, relacionado co eido da I+D, o documento explica que o proxecto da antiga ETEA “segue sendo un obxectivo que se vai consolidar para o cal estamos a traballar e que se converterá na verdadeira Cidade do Mar da Universidade de Vigo. Acollerá a sede central do CIM e a Facultade de Ciencias do Mar, con aulas e laboratorios”. Tamén existe unha aposta clara por potencia o Vigo Tecnolóxico, por promover a creación de unidades mixtas empresa-universidade ou por fomentar políticas innovadoras de ciencia aberta.

Noutros ámbitos, recóllense investimentos para favorecer a eficiencia enerxética, a xeración de enerxía e o transporte sostible; a creación dun novo plan de captación de alumnado, o deseño e posta en marcha dunha Unidade de Diversidade “cun especial foco na igualdade de oportunidades do colectivo LGTBIQ+, e a actualización do Protocolo de actuación para cambiar de nome e de xénero de uso común das persoas transexuais, transxénero e intersexuais na Universidade de Vigo”. Tamén se actualizará o Plan de Comunicación, crearase unha aula permanente ambiental no campus de Pontevedra e agárdase pola acreditación definitiva do Campus da Auga así como a posta en marcha da planta piloto do CACTI en Ourense.

Tras a presentación dos orzamentos por parte da xerente, Henrique Macías e Xan Cebro lamentáronse de que o documento orzamentario non recolla apenas medidas relacionadas co PAS e puxeron sobre a mesa, entre outros temas, o dereito desta colectivo á carreira horizontal e á formación. Pola súa banda, o profesor José Carlos Álvarez Villamarín tamén tomou a palabra para demandar máis información que as liñas orzamentarias inclúan máis información sobre a execución orzamentaria, a evolución do remanente nos últimos anos “ou aspectos preocupantes como o saldo corrente da institución, que é negativo”.

Cifras de matrícula, titulacións e Plan Suvi, no informe anual

O reitor arrancou o seu informe anual ao Claustro explicando os datos de matrícula do curso 2022/2023, prestando especial atención aos datos de alumnado de novo ingreso, xa que, “o futuro da Universidade de Vigo depende en gran medida da nosa captación de alumnado”, un tema non menor tendo en conta, tal e como el mesmo lembrou, a baixada constante da natalidade. Nesta liña, Reigosa subliñou que se cubriron o 99% das prazas de novo ingreso, acadándose a cifra de 3667 estudantes matriculados, dos que 1934 son mulleres e 1733 homes.

O campus de Ourense, cun 101% de ocupación e 1021 matriculados, é o que maior taxa de ocupación acadou, seguido dos de Vigo (1938 matriculados) e Pontevedra (708), nos que se rexistrou un 98% de taxa de ocupación. Respecto do curso pasado, a UVigo incrementou a súa taxa de ocupación en matriculacións de novo ingreso en titulacións de grao nun 1%, pasando do 98% do curso 2021/2022 ao 99% deste curso. En canto ao dato global de matrícula, que inclúe todos os cursos dos graos, así como mestrados e programas de doutoramento, o número de alumnos e alumnas que estudan nos tres campus da Universidade de Vigo sitúase en 18.577 (9904 en Vigo, 4677 en Ourense e 3905 en Pontevedra), unha cifra á que cómpre engadir o alumnado do Programa de maiores, que acada os 432, dos que 233 cursan estudos no campus de Vigo, 100 en Ourense e 99 en Pontevedra.

No que atinxe ás titulacións, Reigosa incluíu no seu informe información sobre os novos títulos implantados este curso e a previsión para o vindeiro ano académico. Con respecto ao curso actual lembrou que se puxeron en marcha “con notable éxito” os graos en Relacións Internacionais e Intelixencia Artificial; os mestrados en Enxeñaría Biomédica; Exercicio Terapéutico e Funcional; Intelixencia Artificial e Desafíos das Cidades; así como os programas de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións e Ciencias Sociais e Envellecemento. Para o curso 2023/2024 o reitor explicou que, a previsión, é pór en marcha os graos en Deseño e en Enxeñaría da Automoción (mención dual), así como dez novos mestrados: Enxeñaría Aeronáutica, “que finalmente se implantará como mestrado único”; Xestión sostible da auga; Internet das cousas (IoT); Xestión da experiencia do cliente; Fabricación aditiva; Vehículos autónomos; Ensinanza de español como lingua estranxeira ou segunda lingua; Biofabricación; Criminoloxía e Ciencia e tecnoloxía cuántica. A maiores arrancará tamén o Programa de doutoramento en nanociencia e biomedicina. En canto aos centros destacou a creación de tres novas facultades: Relacións Internacionais, no campus de Ourense, e Dirección e Xestión Pública e Deseño, no de Pontevedra. Polo que respecta á ordenación académica, Reigosa lembrou cuestións como a posta en marcha de medidas facilitadoras do relevo xeracional, o plan de recoñecemento docente por maternidade, “unha das nosas liñas prioritarias para este segundo mandato”, ou a actualización da normativa das actividades titoriais.

A explicación do Plan Suvi, dirixido a mellorar a eficiencia enerxética e reducir a pegada de carbono da Universidade de Vigo, centrou tamén boa parte do informe do reitor. Neste senso, destacou que no orzamento de 2021 e 2022 o prezo do Gas Natural -a través de Redexga- contemplaba un prezo de 24€/MWh do termo do consumo, se ben a mediados deste ano se executou unha cláusula de actualización dos prezos elevando o coste a 49€/MWh. Para 2023 prevese, segundo indicou o reitor, un prezo de referencia do contrato de 78,6€/MWh, o que supón que se multiplicará por 3,275 con respecto ao ano 2021. En referencia ao consumo de electricidade, lembrou que a UVigo posuía un consumo de 15,2M KWh en 2018 e, grazas ás medidas do Plan Suvi e tras a pandemia, o consumo parece estabilizarse en torno aos 12,5 M KWh/a. “Grazas á compra a través de Redexga o prezo medio de compra é de 0,135€/KWh, impostos e peaxes incluídos, o que representa uns 1,7M€ no 2021”, apuntou Reigosa, ao que engadiu que se se aplica unha revisión da tarifa de compra, o custe pode multiplicarse por dous ou por tres. En relación a esta alarmante subida de prezos, o reitor lembrou que desde o equipo de goberno xa se puxo en marcha un Plan de Medidas Urxentes, con accións inmediatas para mudar os malos hábitos e evitar malgastar enerxía e que se está a traballar na posta en marcha de medidas de maior calado para o curso 2023/2024 e seguintes, relacionadas, sobre todo, cun uso máis racional dos espazos e unha maior planificación dos consumos. Nesta liña, informou de que a intención do equipo de goberno é que o ano que vén se conte con algún poste máis de recarga de vehículos, así como que se empece a cobrar polo uso, así mesmo tamén adiantou que se espera poder colocar un aeroxerador de mediana potencia no campus de Vigo dirixido a autoconsumo e, neste sentido, destacou a posible creación dunha comunidade enerxética universitaria na que os excedentes de xeración de enerxía dun centro puideran compensar o consumo de electricidade doutros.

A nivel laboral, o reitor fixo tamén mención no seu informe á Oferta Pública de Emprego do ano 2022 para o Persoal Docente e Investigador: 40 prazas de persoal catedrático, 25 de profesor contratado doutor e 52 de titular, así como ao proceso de funcionarización do Persoal de Administración e Servizos con contrato laboral (250 persoas), ao que se acolleron 234 persoas. En relación a isto último na quenda de rogos e preguntas interviñeron varios membros do PAS, incluído o presidente da Xunta de Persoal, Xan Cebro, laiándose das escasas referencias que o reitor fixo no seu informe con respecto ao PAS, así como da falta de acordos con este colectivo que se está a vivir neste segundo mandato do equipo de goberno.

Cifras “extraordinarias” en captación de fondos de I+D+i

O 2022 deixa cifras “extraordinarias” en captación de fondos de I+D+i, pasando dos 24,2 millóns de euros acadados en 2021 a 41,5 millóns, unha cifra nunha antes alcanzada na Universidade de Vigo e que, probablemente, tardará tempo en volver a acadarse, tal e como destacou o reitor na presentación do seu informe anual. Este importante despegue debeuse á chegada dos Plans Complementarios, un novo instrumento do Ministerio de Ciencia e Investigación dirixido a establecer colaboracións coas comunidades autónomas en accións de I+D+i que teñan obxectivos comúns baseados en intereses reflectidos na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) estatal e autonómica. No caso da UVigo está implicada na xestión de tres Plans Complementarios -o de ciencias mariñas, o de comunicacións cuánticas e o de biotecnoloxía e saúde-, o que supuxo uns ingresos de 10 millóns de euros.

Á marxe deste financiamento complementario, tal e como destacou o reitor, a evolución dos fondos competitivos captados polo persoal investigador situáronse en 2022 en 31,5 millóns de euros –fronte aos 24,2 do ano anterior-. “Trátase dunha suba moi importante, o que quere dicir que o noso tecido investigador está a funcionar moi ben”, insistiu Reigosa, quen fixo fincapé que esta cifra de 31,5 millóns é a que debe terse máis en conta, dado que os Plans Complementarios, “probablemente sexan algo limitado no tempo e non vaian a continuar en anos sucesivos”. Si se desglosa esta cantidade en relación ao tipo de proxectos acadados, 9,9 millóns correspóndense con proxectos nacionais; 9,2 con proxectos europeos, “onde se produciu unha liña extraordinaria de mellora”; 5,1 con diferentes actividades de I+D+i; 4,6 con proxectos autonómicos; 2,1 con proxectos de transferencia e, o demais, con proxectos europeos de educación (0,5 millóns) e tamén de divulgación (0,06 millóns).

A maiores destas explicacións, Reigosa fixo tamén especial referencia no seu informe aos 15 millóns de euros de achegas extraordinarias da Xunta de Galicia: 6,4 millóns do convenio vixente e addenda ao convenio de desenvolvemento de accións de I+D+i; 1,2 millóns en consolidación de infraestruturas científicos-técnicas; preto de 1,4 millóns para o reforzamento dos centros de CIGUS; case 6 millóns en servizos de apoio á investigación e máis de 300.000 euros para a ETEA, “onde seguimos cos traballos para poder mover alí a Facultade de Ciencias do Mar e o Centro de Investigación Mariña”.

Nun breve repaso polas principais estruturas de investigación, Reigosa lembrou que na actualidade a Universidade conta con 172 grupos de investigación, dos que 29 están considerados Grupos de Referencia Competitiva e 23 son Grupos con Potencial Crecemento. Por outra banda, dos catro institutos que se formulaban hai un ano, creouse xa o Instituto de Física e Ciencias de Enxeñaría Aeroespacial, IFCIA; o de Agroecoloxía e alimentación arrancou hoxe a súa creación, e seguen en preparación “nun estado xa bastante avanzado” os de Xustiza e xénero e Linguaxe. En canto aos centros o reitor lembrou que atlanTTic, Cinbio e CIM forman xa parte da rede CIGUS e, en breve, se agarda que acade tamén esta posición o Cintecx. “A nivel interuniversitario a UVigo está presente en Citmaga, de matemáticas; no Cispac, de paisaxe e en Ecobas, o que vemos como máis noso porque o seu centro de gravidade está na UVigo”, recalcou Reigosa.

Informe do reitor: LOSU, ABAU, decreto de departamentos…

Ademais do informe anual, o reitor presentou o informe no que dá conta dos asuntos máis relevantes que tiveron lugar dende a sesión anterior do Claustro. Entre outros temas, referiuse ao proceso de desenvolvemento da LOSU, unha lei que o martes pasado foi aprobada na Comisión de Ciencia, Innovación e Universidades e que se aprobará previsiblemente en marzo. Reigosa destacou que o máis positivo deste novo documento, “que vai facer traballar arreo a este Claustro, porque imos ter que facer novos Estatutos”, é que garantirá un mínimo de 1% do PIB para as universidades, o que suporía 3000 millóns de euros adicionais no sistema. Ademais, engadiu, “estase traballando en transaccionais para darlle máis peso ás comunidades autónomas, mellorar a internacionalización, equiparar as axencias autonómicas á Aneca ou xestionar cartos privados coma unha asociación”. Con todo, tamén avanzou Reigosa que se diminuirá a porcentaxe de asociados por debaixo do 8%, “un cambio feito a última hora que vao crear gravísimos problemas en moitas universidades, pero na nosa entendemos que non será especialmente grave”.

Sobre a ABAU, lembrou que a implantación dos cambios nas probas de acceso á universidade se adían un ano e, sobre o Estatuto de estudantado en prácticas, explicou que existe un acordo sobre as curriculares, pero sobre no que respecta ás extracurriculares, é posible que se adopte unha moratoria de tres anos, despois diso terán que ser remuneradas e con certas garantías, “polo que semella que este tipo de prácticas teñen os días contados”. Neste sentido tamén explicou que é posible un acordo sobre a bonificación da Seguridade Social do 95% nas institucións públicas, que se ocuparán da xestión pero persiste un problema coas prácticas nas privadas.

O reitor tamén informou que se está a traballar nun Novo decreto de áreas e departamentos, que xirará arredor de áreas de coñecemento máis amplas, unhas 30, e que dará lugar a departamentos máis grandes, cun mínimo de 30-35 persoas. Sobre o novo decreto de doutoramento, que se atopa en exposición pública, Reigosa avanzou que “incluirá maiores garantías de asesoramento, representación estudantil nos órganos de goberno, consideración de persoal investigador en formación para o estudantado, obrigatoriedade de contar cun plan de formación persoal, obrigas de acompañamento e asesoramento das persoas titoras, novos prazos a tempo parcial ou con discapacidade…”. Ademais, regulará a mención internacional, o réxime de cotutela, a Mención Industrial e as mención de excelencia das propias escolas.

Outro dos temas que abordou Reigosa no informe é a convocatoria do Goberno para a creación de 16 novas cátedras de intelixencia artificial e outras 16 de ciberseguridade, toda elas con colaboración público-privada, a metade nacionais e a outra metade internacionais. “É importante poñerse as pilas para intentar que algunhas delas veña para a UVigo, xa que as áreas temáticas encaixan coas liñas de investigación dos nosos grupos”. A convocatoria conta cun orzamento de 22,4 millóns de euros, de modo que cada cátedra nacional terá unha dotación de 1,2m€ e as internacionais de 1,6 m€.

Por outra banda, o reitor tamén fixo referencia na súa intervención á posición da UVigo nos diferentes ránkings internacionais, como o de Shanghái, o QS ou o THE. “Nalgúns estamos ben posicionados”, sobre todo no eido da I+D, “pero temos que mellorar noutros aspectos, como a reputación”. Para iso presentou unhas liñas de actuación básicas que pasan por reforzar a presenza nos medios e nas redes sociais, participar en iniciativas como The Conversation ou RGSX, conseguir unha marca recoñecida, potenciar a comunicación de temas relacionados coa I+D e fomentar a relación e o traballo cos alumni e coas empresas.

Creación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación

O Claustro tamén aprobou por asentimento o informe preceptivo sobre a proposta de creación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, que foi presentado por Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación. O centro, indicou, xorde como unha evolución necesaria da antiga agrupación estratéxica CITACA, unha vez que a Xunta deixou de financiar este tipo de estruturas, e nace, dixo, “coa vocación de converterse nun instituto de referencia na promoción, a través da I+D+i, da transición cara sistemas agrolimentarios máis resilientes, sostibles e seguros”, promovendo ademais “un compromiso activo coa especialización científica intelixente”. A axenda científica do centro prevé contar con catro prioridades (saúde e calidade do solo; xestión e valorización de subprodutos; xestión e manexo de cultivos e calidade e seguridade dos alimentos) e 17 liñas de investigación. Na súa intervención, a vicerreitora, ademais de enumerar os obxectivos específicos, plan de acción e modelo de gobernanza propostos para o instituto, destacou os méritos científicos das e dos 24 investigadores garantes e promotores do centro e as infraestruturas coas que xa contaría no campus de Ourense, como a nova planta piloto de industrias agroalimentarias.

Un paso máis para a creación do Centro de Posgrao e Formación Permanente

Outro dos puntos centrais deste Claustro era a transformación da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP) nun Centro de Posgrao e Formación Permanente (PFP), que retomaba a proposta previamente rexeitada na sesión do Claustro celebrada en outubro para a creación dunha Escola de Posgrao. O vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago, explicou que este novo centro aglutinaría todas as funcións da EAFP (títulos de especialista, de experto universitario, diplomas de formación permanente, o Programa Universitario para Maiores ou os programas de formación e innovación docente) e engadiría outras como os mestrados oficiais que, pola súa natureza, non teñan un soporte axeitado nunha facultade/escola da Universidade de Vigo; os mestrados transversais adaptados aos obxectivos de desenvolvemento sostible; os mestrados internacionais transversais de oferta con itinerarios flexibles e multidisciplinares ou os mestrados internacionais dentro dun consorcio que conformen as universidades que participen nunha determinada alianza mediante a subscrición do correspondente convenio. Finalmente, tanto este tema como o referido á extinción da EAFP foron retirados da orde do día en resposta ás demandas de Xan Cebro e Mª José Ríos, representantes do PAS, pola “falta do informe preceptivo da Xunta de Persoal”. Ademais, o catedrático Íñigo Cuiñas e o PAS Federico Fernández amosaron as súas dúbidas sobre o nome, a estrutura, a necesidade e as funcións deste organismo.

O equipo de goberno volverá a reformular esta proposta para volver a debatela na próxima sesión do Claustro.

Soben lixeiramente os expedientes tramitados pola Valedoría

Na presentación ante o Claustro do informe de actuación da Valedoría Universitaria relativo ao ano 2021, Esther Pillado destacou o lixeiro aumento dos expedientes incoados, pasando dos 24 que se rexistraron no 2020 a 29 no 2021, o que, ao seu xuízo, “contrasta coa diminución das consultas presentadas: de 62 do ano 2020 a 52 do 2021”, un cambio que a valedora atribuíu á paulatina transición cara á normalidade que se foi producindo pola superación da situación de pandemia. En canto á distribución das reclamacións por colectivos, ao igual que en anos anteriores, a maioría dos expedientes tramitados refírense ao estudantado (62 %), seguido a bastante distancia polo PDI (28 %) e polo PAS (10 %). Outro tanto acontece coas consultas, das que o 77 % proceden do estudantado, o 19 % corresponden ao PDI, mentres que as do PAS só representan un 4 % do total das recibidas. “De tódolos xeitos, é importante salientar o aumento da porcentaxe das reclamacións do PDI e do PAS fronte ao alumando”, salientou Pillado, ao tempo que explicou que a porcentaxe das reclamacións presentadas polo alumnado baixou nun 17%, que se reparte entre o PDI e o PAS, que aumentaron nun 11% e un 6%, respectivamente. “Haberá que ver se no ano 2022 se mantén esta mesma tendencia ou é algo puntual, aínda que xa podo ir adiantando que cos datos provisionais dos que dispoño, mantense”.

Na distribución dos expedientes por campus, o comportamento é parecido ao de anos anteriores, cun claro predominio de expedientes tratados no campus de Vigo (76 %), seguido a bastante distancia polos campus de Pontevedra (14 %) e de Ourense (10 %). Algo similar acontece coas consultas recibidas: as do campus de Vigo supoñen un 69 %, seguidas polas procedentes dos campus de Ourense (17 %) e de Pontevedra (14 %). Como é habitual, os principais motivos que levaron a abrir expedientes no sector do estudantado están relacionados con reclamacións relativas á revisión de cualificacións de materias de grao, á avaliación por compensación e as relativas a traballos de fin de mestrado; mentres que no caso do PDI destacan as reclamacións relativas á conciliación da vida laboral e familiar. Ao marxe destas cuestións, Pillado aproveitou tamén a súa presentación ante o Claustro para “evidenciar” que cada vez con maior frecuencia teñen lugar incidencias relacionadas coa saúde mental dos membros da comunidade universitaria, polo que salientou a necesidade de “dar unha resposta axeitada tanto ás persoas que se atopan nesa situación e tamén seguridade aos que deben actuar”.

Tras unha suxestión do reitor, acordouse que o informe da Valedoría do ano 2022 se presentará no primeiro Claustro de 2023, previsto para a primavera.

Informe de seguimento do Plan Estratéxico

Nesta sesión do Claustro tamén se presentou o Informe de seguimento e avaliación anual do Plan Estratéxico. O catedrático Jacobo Porteiro explicou que, tras dous anos dende a entrada en vigor deste documento, xa se conta con datos que permiten “analizar a evolución nos indicadores” e destacou tamén que se incorporaron 22 novos, acadando así unha cifra global de 98 indicadores. Deste total, 56 permiten comparar os exercicios de 2022 e 2023: o 48% amosan unha evolución positiva ou moi positiva, o 30% unha evolución estable e o 21% unha evolución negativa. Con todo, remarcou Porteiro, “a base de comparación aínda é escasa e haberá que facer un seguimento nos próximos anos”.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI