Seleccionan ao Centro de Investigación Mariña para participar nun ‘megaproxecto’ europeo de 73 socios e máis de 15 millóns de euros

O laboratorio de Fisioloxía de Peixes PHYStoFISH, liderado por José Luis Soengas -no centro con camisa branca- será o encargado de desenvolver este proxecto na UVigo

A través do laboratorio de Fisioloxía de Peixes PHYStoFISH, dirixido por José Luis Soengas

A finalidade do consorcio é buscar solucións para lograr un sistema agroalimentario máis resiliente

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, é unha das entidades seleccionadas para participar nun ‘megaproxecto’ europeo financiado polo Programa de investigación e innovación Horizonte Europa con máis de 15 millóns de euros e no que se reúne a participación de 73 institucións, as principais infraestruturas de investigación da Unión Europea relacionadas coa agricultura, campo no que tamén se inclúe a acuicultura. Trátase de AgroServ, Integrated SERVices supporting a sustainable AGROecological transition, un consorcio co que se busca facilitar a transición ecolóxica e o desenvolvemento dun sistema agro-alimentario sostible.

Este proxecto, de cinco anos de duración, está liderado desde Francia polo Centro Nacional para a Investigación Científica, CNRS, a institución de investigación máis importante neste país e, nel, a representación da UVigo chega da man do laboratorio de Fisioloxía de Peixes PHYStoFISH, dirixido polo catedrático José Luis Soengas, e da Estación das Ciencias Mariñas, Ecimat, integrante do nó español do EMBRC o Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños.

“Participar neste proxecto supón un gran reto”

“Participar neste proxecto supón un gran reto, non só polas dimensións e tarefas previstas, senón tamén pola aproximación novidosa de traballar para a xeración dunha comunidade de servizos que sexa útil para o sector produtivo”, apunta Soengas, principal responsable do proxecto na Universidade de Vigo. Se ben o laboratorio PHYStoFISH é unha referencia internacional no seu eido e conta cunha experiencia contrastada “de moitos anos” de desenvolvemento de proxectos coordinados, nunca traballara nun proxecto con tantos socios implicados, algo que non ven como unha dificultade, senón como “unha experiencia diferente, non moi afastada do que xa coñecemos”. Xunto a Soengas completarán este equipo de traballo os profesores Jesús Míguez e Marcos López; as investigadoras de posdoutoramento Marta Conde e Ayelén Blanco, e o director da Ecimat, José Manuel García.

O esgotamento continuo dos recursos naturais, a degradación ambiental e os impactos do cambio climático formulan a necesidade dunha transición agrícola cara unha maior resiliencia, ao tempo que se garanta a seguridade alimentaria e nutricional a nivel mundial. Con AgroServ a Unión Europea busca apoiar a investigación e a innovación proporcionando servizos de infraestruturas de investigación personalizados e integrados en todos os campos relacionados con este desafío. A idea é que os 73 socios do proxecto traballen en estreita colaboración con todos os axentes implicados, desde os propios agricultores e agricultoras, ata a industria, os cidadáns e os responsables políticos para, entre todos, conseguir mellorar o futuro do sistema alimentario, preservando a biodiversidade e reducindo o impacto da agricultura no clima.

Socios do Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños desde 2016

AgroServ é un proxecto financiado dentro do pilar I de Horizonte Europa, Ciencia Excelente, cuxas convocatorias de financiamento van dirixidas ás Infraestruturas de Investigación europeas (Ris). Nesta liña, o CIM-UVigo participa neste tipo de convocatorias grazas á súa pertenza ao European Marine Biological Resource Centre, EMBRC, o Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños, do que son socios fundadores desde 2016. O CIM forma, xunto coa Estación Mariña de Plentzia da Universidade do País Vasco e o Banco Español de Algas, o nó español dunha infraestrutura integrada por socios de 10 países.

Segundo explican desde o centro, co anterior programa europeo de financiamento H2020 os proxectos de investigación transnacionais implicaban só aos socios dentro dunha mesma infraestrutura de investigación, como por exemplo o EMBRC, pero en Horizonte Europa a Comisión Europea vai un paso máis aló, implicando a socios de diferentes infraestruturas, “engadindo unha complexidade extra en termos de temática e loxística”. No caso de AgroServ participan como socios españois, ademais da propia Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela, o CSIC, a Fundación Centro de Excelencia en Investigación de Medicamentos Innovadores en Andalucía, o Institut de Investigación de Tecnoloxía Agroalimentarias, IRTA, e o E-Science European Infraestructure for Biodiversity and Ecosystem Research.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI