Clock achega evidencias sobre como os sistemas pesqueiros poden adaptarse aos impactos do cambio climático na distribución de especies mariñas

O proxecto, liderado por Elena Ojea, chegou ao seu fin logo de seis anos de traballo

Hai seis anos botaba a andar o proxecto Clock: Adaptación á redistribución dos stocks pesqueiros con catro obxectivos fundamentais: comprender os novos retos que formula o cambio climático para a xestión pesqueira actual; desenvolver un novo enfoque para a adaptación da pesca dentro dun marco socioecolóxico (Marco de Adaptación); proporcionar evidencia empírica sobre posibles solucións para a adaptación ás pesqueiras, e axudar a introducir a adaptación da pesca coma prioridade das axendas políticas rexionais e internacionais. Ao abeiro do proxecto do Consello Europeo de Investigación (ERC), o grupo de investigación Future Oceans Lab do CIM da UVigo, que dirixe Elena Ojea, foi quen de avanzar na comprensión de como os sistemas actuais de xestión pesqueira poden superar os efectos dos cambios na distribución por mor do cambio climático, así como cales son as medidas de adaptación que poden permitir medios de vida equitativos e sostibles a longo prazo. Clock operou cunha perspectiva global sobre os impactos climáticos na pesca e tamén con puntos de vista locais sobre sistemas socioecolóxicos pesqueiros específicos en tres estudos de caso: a pesquería industrial vasca de túnidos tropicais e as pesquerías artesanais galega e mexicana de Nayarit.

“Como resultado, obtemos que a redistribución das especies mariñas polo cambio climático xa están impactando importantes especies comerciais, creando maiores vulnerabilidades sociais e económicas nos países en desenvolvemento e afectando, tanto a eficiencia técnica, como o subministro de alimentos”, detalla Elena Ojea, que sinala, que a nivel global atoparon un desaxuste xeográfico entre as áreas críticas do impacto do cambio climático e as respostas de adaptación reportadas. A partir dos estudos de caso, o novo Marco de Adaptación de Clock demostra que as respostas de adaptación dos pescadores están determinadas polas capacidades sociais de adaptación existentes e a intensidade dos impactos climáticos. “Atopamos que os pescadores artesanais e industriais seguen un camiño de resposta común, desde permanecer na pesquería, ata transformarse e saír, o que se explica en gran medida polo nivel e a estrutura de organización do sistema pesqueiro”, explica a investigadora do CIM.

Impactos con implicacións para a seguridade alimentaria

O traballo realizado no marco do proxecto Clock inclúe combinación de datos climáticos, ecolóxicos e pesqueiros globais para comprender os impactos e as respostas de adaptación na pesca a pequena escala; así como unha comparación exhaustiva dos marcos existentes de varias disciplinas para deseñar un marco de adaptación novidoso; desenvolvemento de modelos bioeconómicos a nivel local e rexional para comprender a xestión óptima en sistemas de dereitos de propiedade espacial, poboacións transfronteirizas e áreas mariñas protexidas, e enfoques de estudos de casos empíricos, con análises de partes interesadas e enquisas a pescadores individuais para comprender as respostas de adaptación e probar o Marco de Adaptación.

“A nivel global, os impactos da migración dos recursos pesqueiros exacerban as vulnerabilidades existentes, con cambios máis grandes vinculados as especies economicamente máis dependentes nos países máis pobres. Estes impactos teñen implicacións para a seguridade alimentaria e contribúen ás desigualdades globais, onde os países tropicais que dependen en gran medida da pesca para o subministro de alimentos enfrontan os impactos máis grandes”, enumera Ojea, que explica que nestas rexións climáticas críticas, as respostas de adaptación nas comunidades pesqueiras de pequena escala tenden a ser máis transformadoras. Mentres, a nivel local, as pesquerías industriais do País Vasco e as artesanais de Galicia e Nayarit serven para seguir explorando vías de adaptación. “Os pescadores responden ao cambio climático seguindo un camiño que vai desde permanecer na actividade, ata adaptarse (cambiar de especie) e transformar os seus medios de vida (diversificar ingresos fóra da pesca). A maiores impactos e para algúns grupos vulnerables, saír da pesquería é a principal resposta ao cambio climático”, detalla a investigadora, que tamén sinala que Clock ilustra como as pesquerías industriais e artesanais difiren en termos das respostas de adaptación. “A organización da pesca é clave para a adaptación. Os resultados amosan que mellorar a organización é a prioridade de adaptación para as organizacións da pesca industrial. Na pesca artesanal, mellorar a organización implica unha mellor comunicación dentro do sector como clave para a adaptación, e a comunicación entre sectores como clave para a transformación”, detalla Ojea.

Seis anos de realizacións concretas

Os resultados derivados do proxecto Clock o longo destes seis anos deron lugar a máis dunha vintena de publicacións científicas revisadas por pares, así como tres teses de doutoramento internacionais, ademais da participación en informes políticos de alto nivel, como o do IPCC, os Blue Papers do Panel de Alto Nivel para unha Economía Oceánica Sostible ou o informe de Impactos do Cambio Climático en España da OECC.

Así mesmo, os resultados dos casos de estudo presentáronse ás comunidades pesqueiras en máis dunha decena de obradoiros, nos que as persoas participantes das comunidades pesqueiras identificaron solucións clave para acadar a resiliencia ao cambio climático e permitir unha adaptación e transformación sostibles e xusta.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI