Un equipo internacional constata que o desxeo na Antártida alterou a circulación oceánica global

A fusión do xeo que se produciu hai uns 125 mil anos tanto en Groenlandia como na Antártida, provocou que o nivel do mar subise uns 10 metros por encima da súa posición actual durante o último período Interglaciar. Un estudo levado a cabo por un equipo internacional e que se publicou este mércores en Nature Communications cuantifica por primeira vez o momento, a magnitude e as taxas deste derretemento, constatando que este desxeo alterou a circulación oceánica global.

Este estudo está dirixido polos docentes Eelco Rohling e Fiona Hibbert da Universidade Nacional de Australia en Canberra e nel participa o investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, Gianluca Marino, quen explica que o artigo recolle os resultados dun proxecto que arrancou en 2014, cando el aínda estaba traballando nesta universidade australiana. “Estabamos particularmente interesados en estudar as relacións entre o clima e o nivel do mar durante o período que vai desde a penúltima idade de xeo ata o último período interglaciar e en indagar nas causas que o provocaron”, recalca o investigador.

Subidas do nivel do mar de ata 3 metros por século

O estudo conclúe que o derretemento ocorreu moi rapidamente, causando taxas de subida do nivel do mar de ata 3 metros por século, e que esta subida se debeu principalmente á perda de xeo do casquete antártico. O último período Interglaciar foi o momento máis recente no que o nivel do mar subiu por encima da súa posición actual. Durante este período a temperatura global situouse entre 0.5 C e 2 C por encima dos niveis da era preindustrial (finais do século XIX). A importancia deste estudo reside, segundo recalcan os seus autores,  na información que achega sobre os procesos que gobernan a subida do nivel do mar cando os dous casquetes de xeo polar se funden respondendo a unhas condicións climáticas máis cálidas das que existiron na era preindustrial.

A investigación revela tamén que este derretemento de xeo polar aconteceu primeiro na Antártida e logo en Groenlacia e que foi o quecemento do océano Austral ao inicio do último período interglaciar o que causou a perda de xeo antártico e, en consecuencia, o que alterou a circulación oceánica global.

“A Antártida non é un xigante durmido e insensible como se cría”

Segundo destacan os autores, o proxecto demostrou que “a Antártida non é un xigante durmido e insensible, como se cría desde hai moito tempo”. Polo contrario, os datos indican que pode cambiar moi significativamente en escalas de tempo que son moi relevantes para a sociedade. Segundo indican, no clima actual os gases de efecto invernadoiro de orixe antropoxénica causan un rápido quecemento atmosférico e oceánico en ambas rexións polares ao mesmo tempo, o que provoca o derretemento simultáneo na Antártida e Groenlandia. Ademais, a perturbación climática de hoxe é maior ca que tivo lugar durante o último interglaciar. Como resultado disto, insisten en que é previsible que as taxas de subida do nivel do mar que se desenvolvan nos próximos séculos poidan chegar a ser mesmo máis altas cas que atoparon no último período interglaciar.

“As altas taxas de aumento do nivel do mar reducen as oportunidades de adaptación, supoñen un gran desafío para planificar estratexias efectivas de protección costeira e aumentan a vulnerabilidade das comunidades que viven neste tipo de zonas”, explica Marino, quen recalca que actualmente hai 680 millóns de persoas que viven en áreas que están a menos de 10 metros sobre o nivel do mar e que a previsión é que nas próximas décadas ese número aumente en case un 50%.

“Non hai moito que poidamos facer para limitar o aumento”

Á pregunta de se estamos a tempo de mitigar estas consecuencias ou, cando menos, de ralentizalas, Marino teno claro: “non hai moito que poidamos facer para limitar o aumento do nivel do mar durante o próximo século”, algo do que xa advertiu tamén o último informe do IPCC, o Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático, que se publicou hai unhas semanas. “Tanto Groenlandia como a Antártida seguirán perdendo masa de xeo durante todo o século XXI e máis aló”, recalca o investigador do CIM, quen explica que isto se debe a que as capas de xeo son grandes e tardan moito tempo en responder (“equilibrarse”) ao forzamento climático. “Non obstante, ao reducir considerablemente as emisións de gases de efecto invernadoiro e con elas as consecuencias climáticas asociadas, deberiamos poder limitar tamén o aumento do nivel do mar, pero, para acadalo, necesitamos actuar de inmediato!”, insiste Marino.

Gianluca Marino é investigador distinguido na Universidade de Vigo, institución á que se incorporou a través do Programa de captación do talento investigador excelente en 2018. Ostenta tamén a distinción de profesor titular honorario na Research School of Earth Sciences da Australian National University, de Canberra, Australia. Nas súas investigacións emprega ferramentas xeoquímicas, micropaleontolóxicas, sedimentolóxicas e de estatística probabilística para determinar cuantitativamente o tempo, a magnitude e as taxas de cambio climático no pasado como análogos do cambio climático actual. “Neste estudo en concreto o meu traballo centrouse en contribuír á interpretación dos datos e a situar a evidencia do nivel do mar no contexto doutros parámetros climáticos, como temperatura e CO2”, explica o investigador.

Fonte: DUVI