Mitigación, adaptación e educación, claves para enfrontar o aumento do nivel do mar causado polo cambio climático

Juan Añel, Moncho Gesteira, Íñigo Losada e Elena Ojea na mesa redonda

Pouco máis dunha semana despois da súa presentación oficial en Mónaco, o director de Investigación do Instituto de Hidráulica de Cantabria e un dos dous poñentes españois que participou na súa elaboración, Íñigo Losada, achegou ás e aos asistentes ao derradeiro acto da Cátedra Naturgy, as conclusións do Informe do IPCC sobre océanos e criosfera e as súas implicacións sobre a xestión da costa. Elaborado a partir de case 7000 artigos científicos, por máis dun cento de investigadoras e investigadores de todo o mundo, o informe afonda nos efectos do quecemento global sobre os océanos e a criosfera, como son as perdas masivas de glaciares, a redución do permafrost e das capas de neve en sistemas de alta montaña, incremento de vagas de calor e de fenómenos como El Niño o La Niña, ademais do aumento do nivel do mar, o que unido ao incremento da temperatura e da acidificación, pode exacerbar os riscos para as comunidade costeiras. Losada debullou na súa intervención algunhas das conclusións mais salientables do informe, incidindo na necesidade de mitigar, pero tamén de procurar a adaptación para enfrontar o aumento medio do nivel do mar. “Se non se mitiga, o nivel do mar seguirá aumentando, pero cómpre tomar tamén medidas de adaptación, porque o problema témolo xa e hai moitas zonas do mundo que empezan a estar nos seus límites de adaptación fronte ao aumento medio do mar”, explicou Losada, o pasado venres 4 de outubro no relatorio celebrado no edificio Miralles do campus vigués.

Incrementos do nivel do mar de ata 1,10 metros e eventos extremos cada ano en Galicia 

Na presentación de resultados do informe do IPCC, Losada incidiu en que “o nivel do mar, con diferenzas rexionais, está a aumentar máis rápido que en todo o século anterior”. No caso concreto de Galicia, o coautor do informe advertiu que as proxeccións sinalan que “se non se mitiga ben, a finais de século, podería ter un valor arredor de 80 centímetros e 1,10 metros de aumento de nivel do mar. E este é un cambio considerable e só estou falando de nivel medio do mar, porque logo están as mareas astronómica e a meteorolóxica e as ondas, que en Galicia son moi importantes e todo isto é o que dá o nivel total do mar”. En relación cos denominados eventos extremos, que provocan inundacións, danos nas infraestruturas e desaparición de ecosistemas, estes non ocorrerían cada 100 anos, senón cada ano, e en Galicia, segundo a análise realizada, “os temporais que agora se producen de nivel extremo que se producen cada século, na contorna de 2035-2040 produciríanse cada ano e isto ten tremendas implicacións porque haberá temporais importantes, incrementándose o risco sobre os ecosistemas e as infraestruturas”, explicou Losada.

O director de Investigación do Instituto de Hidráulica de Cantabria sinalou a preocupación que nas e nos autores do informe causou o a comprobación da aceleración de procesos coñecidos nos océanos como o quecemento da temperatura, vagas de calor, incremento das precipitacións e vento en ciclóns ou a altura extrema de ondas. Así mesmo, Losada destacou que “ata o de agora sempre se mirara que o factor dominante fora a expansión volumétrica debido ao incremento das temperaturas, e por primeira vez estamos a ver que empeza a dominar a perda de placas de xeo. Isto é un cambio substancial porque agora miramos que hai algunhas placas na Antártida que poden xogar un papel moi relevante para incrementar o nivel do mar a finais deste século”.

Mitigar, adaptar e educar 

Íñigo Losada rematou a súa intervención apelando á necesidade de adaptar, ademais de mitigar, para enfrontar o aumento medio do nivel do mar. “O xestor debe entender a importancia de aplicar medidas conxuntas de mitigación e adaptación. Fixar un obxectivo de mitigación é doado (reducir 1,5ºC), pero a adaptación … Cal é o grao de risco aceptable, por exemplo, pola xente que vive en Vigo ou para alguén máis vulnerable? Cales son as opcións? Vou ter que facer infraestruturas e que infraestruturas?”, preguntouse o redactor do informe, que tamén incidiu na importancia de que a cidadanía estea educada para entender e interpretar axeitadamente o que isto supón e así esixir aos seus gobernantes que tomen medidas ao respecto. “Segue habendo discusións e todos teñen a súa idea sobre o cambio climático e hai unha compoñente, non sei se sentimental, que non se basea para nada en criterios científicos, así que canto máis educada estea a xente terá máis criterio para opinar”, sinalou Losada.

Xavier Labandeira, codirector da cátedra agradeceu, na presentación do acto, no que tamén participou a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, a implicación de Naturgy na cátedra e avanzou que se está a traballar para darlle continuidade á actividade que desenvolveu nos últimos anos. No acto celebrado o pasado venres, tamén se entregaron os premios Eva Pérez aos mellores traballos de fin de mestrado do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible. “Finalmente se entregaron tres premios ex aequo porque este curso 2018-2019 a calidade dos traballos foi excepcionalmente boa”, explicou Pilar Piñeiro, coordinadora do mestrado. A graduada en Bioloxía Eva López Quiroga , titorizada por Emilio Fernández e Gonzalo Méndez, foi galardoada por Proxecto Barallando: unha proposta de actuación para o fomento da sostibilidade no territorio rural, no que, co obxectivo de fomentar a sositibilidade no territorio rural, realizou unha análise territorial e socioeconómica do municipio de Barralla, caracterizando cinco liñas de emprendemento. Pola súa banda, Gabriel Alejandro González Reyes, titorizado por Juan Añel e Jordi Vich, foi galardoado polo traballo Análises de ciclo de vida de aceites lubricantes utilizados na industria enerxética renovable, que ten como obxectivo avaliar, cuantificar e comparar o uso durante a vida útil dos diferentes tipos de aceites lubricantes utilizados pola empresa Naturgy, realizando unha análise de ciclo de vida desde o punto de vista medioambiental e económico. O terceiro premiado na sétima edición dos galardóns foi Pedro Miranda Varela por Proposta para a mellora do servizo de recollida e xestión de residuos urbanos no concello de Monforte de Lemos, no que titorizado por Pilar Piñeiro, presenta dúas opcións para desenvolver unha estratexia na xestión diferenciada dos bioresiduos.

Finalizado o relatorio de Íñigo Losada, o obradoiro rematou cunha mesa redonda sobre os efectos do cambio climático nos océanos e na criosfera na que participaron ademais do redactor do informe do IPCC os docentes e investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Elena Ojea e Móncho Gómez Gesteira.

Fonte: DUVI