O CIM-UVigo volve a acoller aos Campus Científicos de Verán

Foto de familia das e dos participantes nesta primeira quenda do campamento

A Universidade de Vigo participa por noveno ano consecutivo nunha nova edición dos Campus Científicos de Verán – Campus do Mar 2019, un programa dirixido a alumnas e alumnos de 4º da ESO e 1º de Bacharelato cun currículo académico excelente aos que ao longo de toda unha semana se lles dará a oportunidade de traballar en contacto directo coa realidade profesional das investigadoras e investigadores universitarios, de maneira que as súas experiencias lles axuden a definir os estudos que terán que elixir en apenas un par de anos. Trátase, sobre todo, de reforzar neles e nelas o gusto pola ciencia e incentivar as vocacións científicas.

Dende este luns e ata o vindeiro 27 de xullo participarán neste campus un total de 120 alumnos e alumnas repartidos en catro quendas de 30 estudantes. En cada quenda as/os participantes divídense en cadanseu proxecto de achegamento científico (sete ou oito alumnos/as por proxecto) no que traballarán durante toda a semana para o último día facer unha presentación pública dos resultados obtidos ante o resto de compañeiros/as e docentes. As actividades arrancaron este luns na sala 1 do edificio Miralles coa benvida do reitor, Manuel Reigosa, quen se amosou moi satisfeito porque tiveran elixido Campus do Mar para realizar a súa primeira incursión en temas de investigación e de coñecemento universitario. “A maioría de vós tedes un perfil moi científico e agardamos que estes días aquí vos sirvan para definir un pouco mellor a vosa vocación e que así vos sexa máis doado elixir titulación”, subliñoulles o reitor.

Divididos en catro proxectos científicos creados ex profeso para eles

Tras as explicacións da coordinadora do campus  e a realización dun pequeno test de avaliación inicial de coñecementos –totalmente anónimo-,  cada grupo dirixiuse aos seus respectivos lugares de traballo para os vindeiros días, dependendo cal dos catro proxectos científicos que deseñou para eles Campus do Mar elixiran.  Os que escolleron o proxecto Fondos mariños: quen vive aí? desprazáronse ata a Estación das Ciencias Mariñas, Ecimat, de Toralla, onde ao longo de toda a semana participarán nunha versión simplificada dunha campaña de investigación oceanográfica centrada no estudo de temáticas relevantes no campo da ecoloxía mariña como son as comunidades bentónicas.

O resto de talleres son: Invádennos, e agora que?, acerca das consecuencias das especies invasoras en ecosistemas costeiros e o cambio global; E ti, de quen es?, dirixido a achegar ao alumnado á utilización de técnicas comúns nun laboratorio de xenética molecular e a aplicar ditas metodoloxías dentro dun contexto real de estudo da biodiversidade, e Unha praia moito máis que area e auga, no que a través dos sedimentos que recollan nunha praia tratarán de achegarse á súa historia e características para tratar de comprender mellor a relación dos mesmos coa dinámica costeira.

Laboratorio, saídas de campo, visitas…

Polas mañás os estudantes combinarán os traballos nos laboratorios nos seus respectivos proxectos con saídas de campo para recoller mostras e, xa pola tarde, terán a oportunidade de asistir a diferentes actividades de deporte e lecer, incluíndo un bautismo de surf na praia de Patos, en Nigrán, con visitas a diferentes lugares de interese como o Museo do Mar de Galicia, Porto de Vigo, etc.

Tras as boas valoracións de edicións pasadas, este verán repetirase tamén a experiencia da realización dun obradoiro de comunicación impartido por persoal da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación, que lles axudará a crear e executar presentacións de proxectos e traballos dun xeito máis efectivo. Ademais, estes traballos estarán tamén guiados por un equipo de docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, pois o obxectivo é axudar aos participantes a desenvolver as súas capacidades comunicativas e divulgativas transmitindo os coñecementos adquiridos durante a súa estadía en Vigo.

Andalucía e Madrid, principais lugares de procedencia

Os Campus Científicos de Verán están organizados conxuntamente polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e a Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía, unha fundación pública dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.  En total, hai 13 campus de excelencia participantes en toda España, con máis de 1500 estudantes matriculados, dous deles en Galicia: Do Mar, na UVigo, e Vida, na Universidade de Santiago de Compostela.

Dos 120 estudantes que este ano visitarán Vigo, arredor dun 70% son mozas e o 30% restantes mozos. Por comunidades de procedencia destacan Andalucía (con 22 estudantes), Madrid (20), Castela León (17) e a Comunidade Valenciana (14), se ben a listaxe inclúen tamén lugares como Canarias, Asturias, Aragón, Murcia, País Vasco, Baleares, Aragón, Castela A Mancha, Estremadura ou a propia Galicia, de onde proveñen oito destes estudantes.