Excellent reception of the project “Ocean Mapping Expedition” in the Marine Science Faculty

O luns 23 de xullo tivo lugar a conferencia a cargo dos protagonistas do proxecto “ Ocean Mapping Expedition” no Auditorio da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo. Esta expedición leva catro anos e medio seguindo o ronsel de Magallanes/Elcano, a bordo do veleiro suízo Fleur de Passion, estudando o impacto humano sobre o océano e tratando de impulsar unha educación ambiental a nivel mundial.

O relatorio contou coa presenza de dous membros da tripulación do veleiro, Yaiza Santana e Samuel Gardaz, co investigador do Instituto Español de Oceanografía Jesús Gago e co Responsable da Unidade de Oceanografía da ECIMAT, José González.

Samuel Gardaz, vicepresidente da Fondation Pacifique, encargado das relacións públicas e membro fundador, falou do proxecto como un conxunto de programas científicos, socio-educativos e culturais que, cun espírito multidisciplinar, busca o encontro e intercambio de experiencias, co obxectivo de medir o impacto humano sobre os océanos e contribuír á discusión sobre o lugar que ten o home no mar. Tamén destacou que a expedición se financia a través da Fondation Pacifique, organización sen ánimo de lucro con sede en Xenebra, ademais doutras iniciativas como a acollida de mozas no veleiro durante varias semanas para a súa aprendizaxe e educación medio ambiental, de pasaxeiros correntes ou de ilustradores profesionais.

Yaiza Santana, antiga estudante da Facultade de Ciencias do mar da Universidade de Vigo e coordinadora científica do proxecto, explicou os diferentes programas que levou a cabo a expedición. Entre eles destacan as múltiples cartografías realizadas sobre a contaminación por microplásticos e contaminación sonora dos océanos, a vixilancia dos gases de efecto invernadoiro na superficie, e a observación do estado da saúde dos arrecifes de coral. Yaiza fixo fincapé nas campañas de concienciación ambiental realizadas en lugares como Papúa Nova Guinea ou Cape Town, e o intercambio cultural levado a cabo polos membros da expedición no que non só trataron de transmitir os seus coñecementos, senón que tamén recibiron e aprenderon de todas as culturas.

Pola súa banda, Jesús Gago, investigador do Instituto Español de Oceanografía realizou unha exposición da gravidade do aumento dos microplásticos nos océanos e da importancia de tomar conciencia e reducir o consumo de plásticos, destacando o papel levado a cabo por esta expedición. José González, responsable da Unidade de Oceanografía da ECIMAT do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo), destacou o traballo dos investigadores do CIM-UVigo neste ámbito, como o realizado por Ricardo Beiras sobre o impacto dos microplásticos na cadea trófica mariña.

Pola tarde, ao redor de 20 persoas acudiron á visita a bordo do veleiro Fleur de Passion no Monte Real Club de Iates de Baiona, onde puideron ver o funcionamento dos diferentes instrumentos de investigación que utilizan, e como é o día a día abordo do veleiro. Entre os asistentes puidemos ver ao Alcalde de Baiona, ao Presidente do Monte Real Club de Iates e a outros representantes da comunidade científica. Tanto na charla como na visita, tamén estivo presente a Vicedecana da Facultade de Ciencias do Mar e investigadora do CIM-UVigo, Elsa Vázquez Otero, que abriu as portas a futuras colaboracións tanto para programas de intercambio con estudantes como cos propios investigadores da entidade viguesa.

Entre os resultados da vixilancia sen precedentes levada a cabo por estes investigadores, efectuado en colaboración co Departamento F.-A. Forel da Universidade de Xenebra, apúntase a que o océano Índico podería constituír unha importante reserva de metano atmosférico. Este dato reafírmanos na necesidade urxente de dispoñer de datos de campo de referencia para reavaliar o papel que desempeñan os océanos no ciclo do carbono e no contexto xeral do cambio climático.

Esta expedición foi pioneira no seu alcance e vixilancia ao redor do mundo e esperamos siga traballando e educando con programas futuros dos que nos gustaría poder formar parte.

Podes ver algunhas das cartografías resultado dos seus estudos e coñecer máis en profundidade o seu proxecto na súa páxina web: www.omexpedition.com

Conferencia na Facultade de Ciencias do Mar