Technicians from Cabo Verde receive training in marine entrepreneurship

Durante esta semana (11 – 14 decembro), oito técnicas e técnicos de entidades de Cabo Verde formaranse no campus de Vigo, ao abeiro do proxecto Emprender en azul, en procesos de emprendemento mariño, co obxectivo de que poidan aplicar este coñecemento ás actividades que están a desenvolver no seu país de orixe. A Universidade de Vigo, a través da Cátedra Unesco en Desenvolvemento Sostible-Campus do Mar, coordina coa Universidade de Cabo Verde, o Instituto Nacional de Desenvolvemento das Pescas e Proempresa, o organismo de promoción do desenvolvemento empresarial no país africano, o proxecto Emprender en azul, financiado pola Xunta de Galicia , a través de Cooperación Galega.

“As e os técnicos das entidades caboverdianas compartirán co equipo coordinado desde a Cátedra Unesco da Universidade de Vigo unha semana de traballo enfocado a coñecer e reforzar metodoloxías de formación e mentorización a través da transferencia de coñecemento e experiencia dos seus homólogos en Galicia”, explica o docente e investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, Gonzalo Méndez, en relación coas actividades que ata o vindeiro día 14 desenvolverán os técnicos de Cabo Verde no campus vigués. Ademais de desenvolver sesións de traballo de análise e estudo nas que participarán docentes e persoal técnico da Universidade de Vigo, a delegación africana visitará centros de referencia no emprendemento  como Incuvi, a Fundación Universidade de Vigo, Citexvi, VíaGalicia, Zona Franca ou a Fundación Juana de Vega.

A vicerreitora de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación, Maribel Doval, e o propio Gonzalo Méndez, foron os encargados de dar a benvida á delegación de Cabo Verde á que desexou unha produtiva e feliz estancia na Universidade de Vigo.

Un proxecto dun ano de duración

Iniciado en setembro deste ano, Emprende azul prolongarase ata decembro de 2019 co obxectivo de reforzar as capacidades das entidades de Cabo Verde en materia de emprendemento. “Nestes encontros agardamos que as e o técnicos caboverdianos poidan coñecer a experiencia de traballo con emprendedores, desde as fases previas de deseño da idea de negocio, pasando polo deseño e análise do plan de negocio, ata a súa posta en marcha e aceleración, de xeito que poidan reforzar as actividade que están a desenvolver no seu país”, detalla Méndez.

A actividade que ao longo desta semana se está a desenvolver no campus de Vigo, compleméntase con outras desenvoltas na actualidade como guías dirixidas a emprendedoras e emprendedores; análise estratéxica de capacidades e necesidades de reforzo das entidades para o desenvolvemento sostible de programas de emprendemento; así como a realización dunha nova misión a Galicia co obxectivo de coñecer os aspectos máis relacionados co deseño e xestión de estratexia de emprendemento no territorio galego ou a transferencia de experiencia en materia de valorización de recursos mariños, entre outras.

Fonte: DUVI