Paxaros con pais maiores teñen crías cunha vida máis curta

Desde hai tempo a comunidade científica ven observando en distintas especies, incluída a humana, que a descendencia de pais máis novos tende a vivir máis tempo que a descendencia de pais maiores, pero este fenómeno, denominado ‘efecto Lansing’, resultou difícil de documentar experimentalmente. Agora, investigadores da Universidade de Vigo en colaboración coa Universidade de Glasgow, en Escocia, demostraron a existencia deste efecto en aves. Empregando diamantes cebra e un deseño de reprodución controlada, o investigador do grupo de Ecoloxía Animal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, José C. Noguera demostrou que os pais ao envellecer, especialmente os de maior idade, producen crías cunha vida máis curta. Estes achados, publicados recentemente na prestixiosa revista Proceedings of the Royal Society of London B, tamén amosan un posible mecanismo xenético implicado neste ‘efecto Lansing’ , o acortamento dos telómeros –secuencias repetitivas de ADN que cobren os extremos dos cromosomas e xogan un importante papel no envellecemento celular e na prevención da degradación cromosómica-.

“A descendencia de pais de avanzada idade amosa con frecuencia unha menor lonxevidade, aínda que os mecanismos que dan lugar a ese efecto Lansing aínda se descoñecen”, explica o investigador vigués, ao que engade que se ben herdar telómeros máis curtos por parte de pais maiores podería ser un mecanismo que o explicara, “xa que a lonxitude telomérica é un bo preditor da esperanza de vida nalgunhas especies”, os estudos levados a cabo ata a data en diferentes especies non atoparon resultados concluíntes. “Pola contra a maioría das evidencias que existen proveñen de estudos non experimentais nos que é difícil excluír diversas fontes de erro”, recalca Noguera, quen tamén advirte que é difícil extrapolar os resultados a outras especies.

Indagando na relación entre o ADN e a esperanza de vida

No estudo que agora acaba de publicarse proporciónanse probas que apoian a existencia do ‘efecto Lansing’ nesta especie e demostran que a redución da lonxitude telomérica durante a fase embrionaria podería ser un importante mecanismo que determine este fenómeno. Por unha banda, levaron a cabo un estudo lonxitudinal que amosa que a lonxevidade da descendencia relacionouse negativamente coa idade do pai no intre da reprodución. Despois, como segundo paso para desentrañar as posibles causas, empregaron un enfoque experimental para examinar si se poderían detectar ou non os efectos paternos prenatais sobre a lonxitude dos telómeros nos descendentes. “Atopamos que os embrións de diamante cebra enxendrados por machos vellos tiveron telómeros máis curtos que os embrións producidos polas mesmas nais cando se reproduciron con machos novos”, apunta o investigador.
Dado que a variación na lonxitude telomérica embrionaria persiste durante o período posnatal nesta especie e que os individuos que presentan telómeros máis curtos amosan unha menor esperanza de vida, o estudo demostra que unha redución na lonxitude telomérica impulsada paternalmente podería, ao menos en parte, ser a base da redución da esperanza de vida nos fillos de pais de idade avanzada.

O estudo prolongouse ao longo de cinco anos

Para levar a cabo este estudo o equipo formou 44 parellas de machos e femias de diamantes cebra. Logo rastrexaron a supervivencia dunha cría de cada parellas. A porcentaxe de descendentes supervivintes de pais maiores, segundo descubriron os investigadores, diminuíu drasticamente a menos do dez por cento nos primeiros 16 meses. Mentres tanto, a porcentaxe de descendentes que sobreviven de pais máis novos diminuíu lenta pero constantemente no transcurso de aproximadamente cinco anos.

Noutra fase do estudo, o equipo traballou cun grupo separado de diamantes cebra, emparellando a cada unha das 32 femias cun macho novo de arredor de catro meses ou un maior de catros anos. Nunha segunda quenda de reprodución, emparellaron ás mesmas femias con machos do grupo de idade alternativa. Extraeron material xenético dos embrións resultantes e mediron a lonxitude dos telómeros. Foi así como o equipo descubriu que os embrións de diamantes cebra de pais maiores tiñan telómeros máis curtos.

Fonte:DUVI