Invasive ecology of Corbicula fluminea

O próximo mércores 3 de febreiro ás 11:00 h, no salón de actos da ECIMAT, continúa a VI edición do Programa Café con Sal. Nesta ocasión será Noé Ferreira, investigador da Universidade de Vigo, quen nos expondrá os seus traballos sobre a ecoloxía invasiva da ameixa asiática Corbicula fluminea (O.F. Müller, 1774).

Corbicula fluminea é un bivalvo catalogado como unha das 100 especies invasoras máis prexudiciais a nivel mundial. Asociado ás actividades humanas desde comezos do século XX conseguiu ampliar a súa área de distribución, podendo atoparse actualmente en gran parte dos cursos de auga das rexións tépedas.

Desde un punto de vista ecolóxico, na charla abordaranse aspectos relacionados coa propia bioloxía da especie e a súa tolerancia a distintos factores ambientais, o impacto que ten sobre poboacións de náyades autóctonas e o seu papel como fonte de alimento para organismos superiores da cadea trófica. Este último punto é clave no proceso de invasión, pero tamén podería brindar algunha posibilidade á hora de abordar o seu control biolóxico.