Mellora da acuicultura para producir alimentos máis seguros, saudables e sostibles, apostando pola biotecnoloxía azul, a economía circular, a alimentación eficiente, a mellora xenética e o benestar animal para deseñar modelos de produción acuícola respectuosos co medio ambiente.
Investigación e apoio científico á xestión de pesqueiras e marisqueo, integrando biodiversidade, produtividade e dinámica litoral. Avaliación de bancos naturais e calidade de hábitats, desenvolvemento de modelos ecosistémicos e ferramentas de xestión adaptativa fronte ao cambio climático, promovendo procesos de cogestión e transferencia de coñecemento co sector produtivo do mar (confrarías, asociacións de produtores como bateeiros, …).
Avaliación do potencial e da sostibilidade das enerxías mariñas renovables mediante a caracterización físico-climática do sistema océano-atmosfera e a modelización do recurso enerxético mariño e da súa variabilidade. Integración de estudos de impacto ambiental e ferramentas de planificación espacial mariña para apoiar unha transición enerxética compatible coa conservación do medio mariño.
Desenvolvemento de solucións ecoinnovadoras para portos e outras infraestruturas costeiras que reduzan impactos ambientais e melloren a súa adaptación ao cambio climático, combinando monitorización e avaliación ecolóxica co deseño de infraestruturas híbridas natureza–enxeñaría e a modelización de riscos costeiros.