A ECIMAT ofrece soporte avanzado á investigación mariña, garantindo o acceso a recursos e infraestruturas de alto nivel. Como infraestrutura principal de investigación mariña do CIM e da UVigo ten a misión de ofrecer servizos eficaces e garantir a dispoñibilidade dos recursos necesarios. Para iso, implantou un sistema de xestión da calidade baseado na norma ISO 9001, certificado por entidades independentes desde 2013.
No seguinte documento pode consultar as tarifas asociadas a cada servizo: Tarifas ECIMAT 2026
A ECIMAT dispón das infraestruturas necesarias e de persoal técnico especializado para subministrar organismos do medio natural e cultivados, incluindo organismos de colección e modelo, diferentes tipos de auga de mar e de laboratorio e medios de cultivo para microalgas.
O servizo de recursos biolóxicos e cultivos mariños cría e mantén en stock unha colección de microalgas (ECC) e diferentes especias de organismos de colección e modelo como rotíferos, cladócereos, artemia, copépodos ou peixes e dispón de experiencia no cultivo, mantenza e subministro de diferentes especies de moluscos (ameixas, berberechos, ostras, navalla, peneira, etc.), peixes (rodaballo, linguado, dourada, robaliza, pescada, sardiña, etc.) e equinodermos (ourizo de mar, cogombro de mar, etc.). Este servizo subministra así mesmo organismos recollidos do medio natural, xestionando todos os permisos necesarios.
O servizo de preservación funcional dos recursos biolóxicos mariños ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento de protocolos de Criopreservación para organismos, células ou tecidos de orixe mariña. Conta con dous bioconxeladores, a última tecnoloxía en vitrificación e desconxelación ultra-rapida láser, subministro de nitróxeno líquido e tanques de almacenamento. O servizo conta con protocolos publicados para a Criopreservación de esperma de 6 especies de invertebrados mariños, embrións de ourizo de mar e para larvas de moluscos bivalvos.
A Estación subministra ademáis medios de cultivo para microalgas, auga de mar sometida a diferentes tratamentos de filtración (20. 1 e 0,22 micras), esterilización (ultravioleta) e a diferentes temperaturas (13ºC, 18ºC e ambiente) e diferentes tipos de auga de laboratorio (MiliQ e destilada).
NOTA: O servizo de cría e subministro de especies mariñas de interese para a investigación atópase certificado conforme á norma ISO 9001:2015.
ADVERTENCIA: É responsabilidade dos usuarios do servizo de subministración de recursos biolóxicos estar ao corrente das obrigacións recollidas no real decreto 124/2017, relativo ao acceso, aos recursos xenéticos procedentes de taxóns silvestres e ao control da utilización e, en caso necesario, solicitar a autorización de acceso a recursos xenéticos españois procedentes de taxóns silvestres. o servizo de subministración de recursos biolóxicos pode fornecer orientación aos usuarios, en caso necesario.
A ECIMAT dispón das infraestruturas necesarias para desenvolver proxectos de investigación de temática mariña.
A ECIMAT dispón de varias salas e laboratorios con diferentes infraestruturas para levar a cabo proxectos de investigación e para desenvolver os servizos propios de apoio á investigación. Na sección Instalacións pódese consultar a ubicación e características de cada un destos espazos.
Os laboratorios contan con equipamento de análise, microscopía, medida ou esterilización e equipos de procesamento e conservación de mostras. Así mesmo, a Estación conta con equipamento oceanográfico de mostraxes e equipamento de mergullo. Todos os equipos están sometidos a procedementos de mantenza preventiva e, no caso dos equipos de medida, a procesos de calibración e verificación.
Para consultar as características de cada un dos espazos ou equipos e solicitar o seu uso pulse o vínculo Solicitar un servicio e seleccione o recurso desexado.
A ECIMAT presta servizos de laboratorio que abranguen dende a toma de mostras ata o seu procesado e posterior análise. A mostraxe pode ser realizada polo usuario ou polo persoal do centro.
A ECIMAT dispón do personal técnico especializado e dos equipos necesarios para realizar procesado histolóxico de tecidos, liofilización, extracción, concentración e purificación de mostras de organismos mariños, análise de mostras de auga, sedimentación ou material biolóxico e bioensaios ecotoxicolóxicos.
O servizo de procesado histolóxico de mostras comprende dende a disección das mostras ata a súa fixación, impregnación en parafina, corte e tinción. O usuario pode solicitar tanto o procesado completo como algunha das súas fases de forma illada.
As análises de mostras comprenden determinacións analíticas da auga, tanto de parámetros físico–químicos (pH, temperatura, salinidade, conductividade, osíxeno disolto, fosfatos, amonio, sólidos en suspensión, etc.) como biolóxicos (presenza de coliformes), análise de mostras de sedimento (determinacións analíticas de carbono orgánico total, materia orgánica mediante calcificación, etc.) e análise de material biolóxico (análise de presença de E. coli e/o coliformes totais e outros compoñentes en organismos mariños).
O personal da Estación conta ademais cunha ampla experiencia na realización de bioensaios ecotoxicolóxicos. Aínda que existen diferentes tipos de bioensaios e diferentes organismos modelo, os bioensaios máis habituais son os de crecemento de microalgas mariñas (Isochrysis galbana), embrións de ourizo de mar (Paracentrotus lividus) ou embrións de bivalvos (Mytilus galloprovincialis), bioensaios de supervivencia de misidáceos (Syriella armata), copepods (Acartia clausi e Tisbe bataglii) ou anfípodos (Corophium) e bioensaios de inhibición da bioluminiscencia (Vibrio fischeri) (mediante uso do Microtox).
Para consultar as características destes servizos ou realizar a unha solicitude pulsar no vínculo Solicitar un servicio e seleccionar o servicio desexado.
NOTA: O Servizo de Procesado e análise de mostras atópase certificado conforme á norma ISO 9001:2015.
A ECIMAT proporciona apoio en calquera actividade científica que teña lugar no medio mariño, dende mostraxes de auga, sedimento, organismos planctónicos, bentónicos ou peláxicos ata mostraxes oceanográficas.
A fin de apoiar en calquera tipo de actividade de acceso os ecosistemas costeiros, a Estación conta con persoal de apoio (mergulladores profesionais e patróns), dúas embarcacións (zodiac de 5.5 m e unha embarcación de poliéster cabinada de 7.5 m), unha pick-up, equipos de mergullo, material de mostraxe biolóxica (mangas de plancton, dragas, barutos, etc.), equipos de mostraxe oceanográfica (CTD, sonar de barrido lateral, etc.) e un pantalán con zona de desembarque e dúas prazas de amarre.
NOTA: O servizo de apoio no acceso aos ecosistemas costeiros atópase certificado conforme á norma ISO 9001:2015.
A ECIMAT presta outro tipo de servizos de apoio á investigación mariña que xorden tanto da experiencia nas diferentes áreas de traballo da Estación como da propia demanda do persoal investigador.
Partindo da experiencia das diferentes áreas de traballo da ECIMAT (cultivo de organismos mariños, acceso aos ecosistemas mariños, procesado e análise de mostras, etc.) e da existencia dun taller e dun servizo de bricolaxe, o persoal da Estación asesora e axuda en todas aquelas actividades paralelas aos proxectos de investigación.
Os principais servizos de apoio son o asesoramento no cultivo de organismos mariños, o deseño experimental ou o deseño e desenvolvemento de instalacións ou material de mostraxe. Este servizo de carácter transversal está sempre aberto ás suxestións dos usuarios.
Servizos científico/tecnolóxicos prestados polos grupos de investigación do CIM.