O 10 de novembro de 2023 tivo lugar no Campus Universitario de Vigo a I Asemblea Anual CIMentos, un evento científico organizado polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo co obxectivo de reunir a todo o persoal investigador do centro nun espazo propio para a presentación de traballos, o intercambio de coñecemento e o establecemento de colaboracións.
Durante o encontro, no que participaron máis dun centenar de investigadores e investigadoras do centro, compartíronse avances científicos a través dunha decena de comunicacións orais e 32 pósters sobre temáticas relacionadas coa acuicultura e a explotación sostible de recursos, a biodiversidade e os servizos ecosistémicos, o cambio global e a contaminación, as enerxías renovables e os novos recursos e a xestión integrada da zona costeira.
Un dos principais focos deste encontro foi promover a colaboración interdisciplinaria e a investigación de vangarda, buscando fomentar a interacción entre diferentes disciplinas para abordar desafíos do entorno mariño desde múltiples perspectivas, aportando solucións innovadoras e debatendo sobre o futuro da ciencia mariña e os nosos océanos.
Este primeiro encontro científico presentouse como unha oportunidade única para establecer conexións valiosas con colegas, aproveitando un ambiente propicio para a creación de redes.
O 24 de outubro de 2024 celebrouse a II Asemblea Anual CIMentos no edificio CITEXVI do Campus Universitario de Vigo. No encontro reunimos ao persoal investigador do CIM para compartir coñecementos e buscar novas oportunidades de colaboración. Nesta nova edición contouse coa asistencia de algúns dos membros do Comité Asesor Externo (CAE) do CIM e entregaremos o Premio CIM á doutora Maria Dornelas. Esta actividade forma parte das accións do Decenio das Ciencias Oceánicas para Desarrollo Sostible.
Premio CIM
O Premio CIM é un recoñecemento que busca destacar a excelencia na investigación mariña no ámbito internacional. Na súa primeira edición, o galardón foi outorgado á doutora en bioloxía da Universidade de St. Andrews (Reino Unido) Maria Dornelas, que foi a encargada de impartir o relatorio inaugural na II Asemblea CIMentos.
O Premio CIM foi instituído co obxectivo de recoñecer a investigadoras e investigadores cuxo traballo está a ter un impacto significativo no campo da ciencia mariña. Neste sentido, Maria Dornelas foi seleccionada como a primeira galardoada en recoñecemento ás súas contribucións pioneiras no estudo da biodiversidade, especialmente en relación coa dinámica dos arrecifes de coral e os patróns globais de biodiversidade no Antropoceno. A súa investigación non só desafiou conceptos establecidos, senón que tamén proporcionou novas perspectivas cruciais para a conservación e xestión dos ecosistemas mariños.
Comité científico
Comité organizador
O martes 28 de outubro, o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo celebrará a III Asemblea Anual CIMentos, o principal encontro interno do centro que reúne á súa comunidade científica para compartir os avances, retos e perspectivas da investigación mariña desenvolvida no CIM. A xornada servirá como espazo de intercambio e reflexión entre o persoal do centro, destacando os logros alcanzados durante o último ano e as liñas prioritarias de traballo de fronte ao futuro.
CIMentos consolídase así como un foro de encontro de gran relevancia para fortalecer a cohesión interna do centro, promover a interdisciplinariedad e fomentar unha visión común da ciencia mariña ao servizo da sociedade e a sostibilidade do océano.
Premio CIM 2025
O Premio CIM é un recoñecemento que busca poñer en valor a excelencia na investigación mariña a nivel internacional. Na súa segunda edición, o galardón foi concedido a Enric Gisbert, responsable do programa de Acuicultura do IRTA en La Ràpita e referente mundial no ámbito da acuicultura, quen impartirá o relatorio inaugural da III Asemblea CIMentos. O seu traballo destaca pola contribución ao desenvolvemento dunha acuicultura máis sostible e responsable, centrada na nutrición de peixes, a formulación de dietas funcionais e a mellora do benestar e a calidade dos animais. A súa traxectoria exemplifica o compromiso coa innovación científica e a transferencia de coñecemento cara a un sector clave para o futuro dos océanos.
Comité científico
Comité organizador