Ciencia e sociedade

A divulgación no CIM

No CIM traballamos para achegar o coñecemento sobre o océano á cidadanía, promovendo o pensamento crítico, o desenvolvemento sostible e unha cultura científica mariña sólida. Impulsamos a alfabetización oceánica a través de contidos educativos dirixidos a alumnado de diferentes niveis, así como a profesionais, institucións e público xeral, co obxectivo de fomentar unha sociedade informada e consciente da relevancia que o océano ten para o benestar humano e para o equilibrio do planeta.

O persoal investigador participa activamente en iniciativas como o 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, ou a European Researchers Night, ademais de colaborar en feiras e programas científicos como eXXperimenta en feminino ou Ciencia de Ida e Volta, que contribúen a achegar a investigación mariña á sociedade dun xeito próximo e inspirador.

Así mesmo, desenvolvemos accións de ciencia cidadá que invitan a participar directamente na observación e monitorización do medio mariño. Esta colaboración aberta permite xerar datos científicos de maneira colectiva e reforza a conciencia ambiental, contribuíndo a crear unha comunidade cada vez máis implicada na protección e conservación do océano.

As Xornadas de Portas Abertas do CIM son unha cita anual que achega á cidadanía a investigación mariña que se desenvolve no centro. A programación inclúe actividades diversas e pensadas para todos os públicos:

PARTICIPANTES
~ 500
ACTIVIDADES
+ 0
Coñece o CIM na rúa:
  • Feira científica onde o persoal investigador comparte experimentos e materiais divulgativos.
  • Visitas guiadas ao visor subacuático Nautilus da Autoridade Portuaria de Vigo (APV), que permiten explorar a vida mariña da contorna portuaria.
  • Escape Room “Descobre máis sobre a investigación oceánica co CIM”, baseado no mural que a APV, o CIM e o Campus do Mar teñen no Real Club Náutico de Vigo.
  • Aquamission: un xogo xigante para explorar o mundo da acuicultura sostible, empregando un taboleiro de grandes dimensións.
Embárcate co CIM
  • Paseo divulgativo pola ría de Vigo a bordo dun barco-aula para explorar a biodiversidade mariña e recoller mostras de organismos e sedimentos xunto co persoal do CIM.
  • Visita guiada á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat).

Estas xornadas contan co apoio da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e están recoñecidas como actividade oficial do Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible e forman parte das celebracións do European Maritime Day In My Country.

Igualdade, Diversidade e Sustentabilidade

O CIM, como un dos centros pioneiros da Rede CIGUS, ten un firme compromiso coa igualdade, diversidade e sostibilidade, recoñecido co Distintivo de Igualdade da UVigo en 2022, recibindo ademais unha mención especial como centro máis innovador.

A súa Comisión de Igualdade e Sostibilidade, creada en 2021 e composta maioritariamente por mulleres con diversos perfís técnicos e investigadores, encárgase de implementar actividades do III Plan de Igualdade da UVigo e de integrar aspectos de igualdade, xénero e diversidade nas políticas, actividades e documentos do CIM, aliñándose co Selo HRS4R da UVigo.

Nos últimos anos, o CIM desenvolveu diversas iniciativas como cursos de formación en igualdade e diversidade, creou unha sala de lactación e celebrou eventos de cocreación sobre xénero. O CIM conta tamén cunha canle de contacto para consultas ou suxerencias: igualdade.cim@uvigo.gal, así como cun Plan de acción en igualdade, diversidade e sostibilidade en continua actualización.

O CIM convoca o Premio Marie Tharp, destinado a investigadoras predoctorais e postdoctorais junior, co obxectivo de visibilizar e apoiar o talento feminino na ciencia mariña. Este premio recoñece proxectos innovadores, fomenta a carreira investigadora das participantes e contribúe a fortalecer a igualdade de oportunidades no ámbito científico. Ata o momento, xa se realizaron tres edicións e a cuarta está prevista para o 11 de febreiro de 2026, coincidindo co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Ética

O CIM conta cunha Unidade de Investigación e Innovación Responsable (RRI) que opera cun sistema de xestión que garante os principios de ética e investigación responsable, cumprindo a normativa legal en vigor sobre acceso a recursos xenéticos, protección de datos, experimentación animal e control sanitario. Ademais, asesora ao persoal investigador para o cumprimento do Convenio de Biodiversidade e o Protocolo de Nagoya, relativo á participación xusta e equitativa dos beneficios derivados da utilización de recursos xenéticos, a través do desenvolvemento dunha guía para investigadores (Guía ABS), varios obradoiros e conferencias realizados baixo diferentes eventos e a implantación dun checkbox no sistema de solicitudes de servizos da ECIMAT.

No campo da experimentación animal, a Unidade de RRI presta o seu apoio ao persoal investigador para obter e manter, por unha banda, a autorización dos seus procedementos experimentais con animais, e pola outra, a capacitación do persoal para a experimentación animal.

Ciencia aberta

No CIM fixemos noso o compromiso da UVigo co acceso aberto, seguindo a súa política de actuación neste ámbito. Facemos uso doo repositorio institucional da UVigo INVESTIGO, ferramenta que recolle, difunde e preserva a produción científica publicada como artigos científicos, libros, capítulos, contribucións a congresos e teses de doutoramento. O Centro, ademais, é membro de EOSC (European Open Science Cloud), iniciativa da CE que ten como obxectivo desenvolver unha infraestrutura para promover prácticas científicas abertas.

O persoal investigador do CIM publica artigos científicos en aberto, desenvolve aplicacións de software de código aberto e utiliza repositorios de datos gratuítos, abertos e accesibles a toda a comunidade científica. Igualmente, no CIM dispoñemos dun Plan de xestión de datos propio para ser tomado como referencia por todo o noso persoal investigador.

Colabora con nós!

A túa aportación é fundamental para apoiar o traballo científico do centro, contribuír ao avance do coñecemento mariño e impulsar proxectos que teñen un impacto directo na conservación do océano, na sostibilidade e na innovación no ámbito mariño.

Cada colaboración axuda a que o CIM siga a desenvolver investigación de excelencia e a crear solucións para os retos actuais e futuros do noso medio mariño.

Se es unha empresa, fundación ou particular e queres colaborar coa investigación que se realiza no CIM, podes poñerte en contacto con nós en cim@uvigo.gal.

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)