Un proxecto do CIM explora como protexer os peixes fronte aos contaminantes dos pensos acuícolas

Un proxecto do CIM explora como protexer os peixes fronte aos contaminantes dos pensos acuícolas

Liderado pola investigarora Ayelén Blanco e financiado pola Xunta de Galicia, avalía solucións baseadas en aminoácidos para preservar o seu benestar e mellorar a produción

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo lidera o proxecto de investigación Toxi-Feed, un estudo que analiza como determinados contaminantes que poden estar presentes nos pensos acuícolas inflúen na alimentación e no metabolismo da troita arco da vella, unha especie clave na acuicultura de auga doce. A investigadora do grupo PhysToFish, Ayelén Blanco, é a responsable do traballo, que se executará ata 2028 e que está financiado pola convocatoria de Consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do SUG da Xunta de Galicia.

A alimentación é un dos factores máis determinantes na produción acuícola, tanto desde o punto de vista do benestar animal como da rendibilidade do sector, xa que pode supoñer ata o 70 % do custo total de produción. Aínda que os pensos están regulados, poden conter contaminantes en baixas concentracións que, a longo prazo, afectan a procesos esenciais como a inxestión de alimento, o crecemento, o metabolismo ou a reprodución dos peixes. “Estudar estes contaminantes permite anticipar problemas, protexer o benestar animal e garantir unha produción acuícola segura e eficiente”, afirma Ayelén Blanco.

Neste contexto, Toxi-Feed céntrase no estudo de dous contaminantes modelo: o PCB-126, asociado tradicionalmente á fariña de peixe, e a aflatoxina B1, vinculada a ingredientes de orixe vexetal, cada vez máis empregados na formulación de pensos como alternativa sostible ás fariñas mariñas. “Este cambio na composición dos pensos, necesario para avanzar cara a unha acuicultura máis sostible, introduce tamén novos riscos que é preciso comprender e anticipar”, explica. O traballo busca comprender que ocorre a nivel molecular cando os peixes inxiren pensos contaminados e como isto altera os mecanismos que regulan o seu apetito, explorando tamén estratexias para neutralizar os seus efectos negativos.

Enfoque integral e aplicado

O proxecto adopta un enfoque integral, combinando experimentos con peixes e estudos a nivel celular, para analizar que acontece a escala molecular cando os animais inxiren estes pensos. En particular, estudarase como estes compostos alteran os mecanismos que regulan o apetito e o metabolismo, factores clave para o crecemento e a eficiencia alimentaria.

Máis aló do diagnóstico do problema, Toxi-Feed ten un marcado carácter aplicado. O proxecto avalía se a inclusión de determinados aminoácidos, compoñentes naturais e seguros da dieta, pode contrarrestar os efectos negativos destas sustancias sobre a alimentación e o metabolismo dos peixes. “Esta aproximación abre a porta ao desenvolvemento de pensos máis seguros e funcionais, capaces de protexer a saúde dos animais mesmo en presenza de contaminantes inevitables na cadea de produción”, recalca a investigadora.

Estudo base para optimizar a formulación dos pensos

Ao remate do proxecto, agárdase obter unha comprensión detallada de como os contaminantes presentes nos pensos acuícolas inflúen nos mecanismos que regulan a alimentación dos peixes e demostrar que é posible mitigar os seus efectos mediante estratexias nutricionais sinxelas. Os resultados de Toxi-Feed poderán servir de base para optimizar a formulación dos pensos, mellorar o benestar animal, reforzar a eficiencia produtiva e contribuír a unha acuicultura máis sostible e competitiva.

O CIM conta co recoñecemento Cigus da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Feder-21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)