Premiada a formación deste grupo de investigación do CIM na aplicación desta ferramenta para a Confederación Hidrográfica Miño-Sil
A oitava edición dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga xa ten gañadores. Trátase de 13 traballos, desde teses de doutoramento a artigos científicos, realizados por persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo. Con estas distincións quérese recoñecer e estimular o esforzo da comunidade universitaria no desenvolvemento das diferentes liñas de especialización sobre as que traballa o Campus Auga, o campus de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. A dotación total dos galardóns ascende a 12.000 euros e inclúese no convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para financiar o Campus Auga.
Entre os galardoados, na categoría de transferencia e divulgación concedeuse premio ao curso Iber como ferramenta para a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dos investigadores e investigadoras do grupo do CIM EPhysLab Diego Fernández, Moncho Gesteira, María Teresa de Castro, Orlando García, José González Cao e Helena Barreiro. Trátouse dunha formación sobre modelización hidraulica e hidrolóxica co modelo hidrodinámico Iber no que se abordaron fundamentos do modelo, o manexo da súa interfaz, aplicacións prácticas e ferramentas auxiliares como o sistema de información xeográfica QGIS.
O CIM conta co recoñecemento Cigus da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Feder-21-27.
Fonte: DUVI